EN DIRECTO
Sigue en vivo la segunda etapa de la Vuelta: Nimes - Gruissan (203 km)

Día de mortos

Manuel Bragado

 01:23  

Unha das cousas que máis me chamaron a atención na miña viaxe a México a pasada semana foron os altares de ofrenda do "Día de mortos" instalados en todos os lugares onde acudiamos, dende os corredores da facultade de Filoloxía da UNAM, pasando polos restaurantes e mercadiños de recordos da Zona Rosa, preto da Plaza del Ángel, até o propio aeroporto Benito Juárez. Esta celebración da vida e da morte, inserida nunha tradición da cultura prehispánica (recoñecida pola Unesco en 2003 como obra mestra do Patrimonio Oral e Intanxible da Humanidade e recreada por Malcolm Lowry nas páxinas de "Baixo o volcán"), coincide coa do Halloween anglosaxón, a das nosas xornadas de Santos e Defuntos e a do Samaín de orixe celta.
En todos os casos, son días consagrados á memoria dos mortos queridos, aínda que na festa mexicana teñan un significado diferente xa que perviven dalgunha maneira as ideas, afincadas nunha profunda tradición do pasado indíxena, de que a morte non é a fin da existencia (senón un vieiro de transición cara a algo mellor) e que durante estas datas no máis alá (no noso "Outromundo") se lle outorga ao finado licenza para visitar aos seus seres máis queridos do mundo terreal. Nesta tradición mexicana pagán-relixiosa o defunto é un hóspede ilustre a quen se debe agasallar e homenaxear aloumiñándoo con toda clase de atencións. Estamos, pois, diante dunha festa de benvida para aqueles que nos abandonaron.
Este é o sentido dos altares de ofrenda do "Día de mortos", instalados polos mexicanos coa intención de axudar aos seus defuntos a levar un bo camiño durante a morte. Cada altar, nalgúns casos verdadeiras obras de arte popular, consta de varios andares que representan cada un dos niveis que debe pasar a alma finada para descansar. Construídos con caixas de cartón ou madeira, decorados con cadeas de papel picado morado e amarelo (que representan a unión entre a vida e a morte) e flores brancas e amarelas (as do cempaxúchilt, ou "flor de mortos" de catrocentos pétalos), en ningún destes altares faltan as catro candeas sobre un anafre de herbas aromáticas (loureiro, romeu, macela e asubiote) que representan os catro puntos cardinais, o copal onde se consume o incenso para purificar o ambiente, as cabazas (como no noso Samaín), un arco de carrizo (que simboliza a entrada no mundo dos mortos), un vaso de auga fresca, algunha cruz ou imaxe dun santo, o retrato do difunto (no caso dos altares familiares) e algunha peza de alfareiría ornamental.
No entanto, son os alimentos para agasallar aos difuntos (que logo comen os vivos) as ofrendas principais destes altares. O "pan dos mortos" é o protagonista principal. Trátase de pequenas pezas de "tamales" (pan de millo de orixe prehispánica) ou de trigo forneadas e decoradas con formas antropomorfas ou animais (moi semellantes aos exvotos de San André de Teixido) ou en forma ovalada e de rosca (semellantes aos nosos roscóns de pascua) adornadas con azucres de cor vermella (que simbolizan o sangue), froitas secas ou figuriñas que semellan ósos humanos. Outros ofrendas alimentarias son as froitas máis variadas, as cabazas de azucre (as famosas "tachas"), os pratos de arroz con leite, os pratiños de mole (salsa con chile, tamén prehispánica), as tazas de chocolate (unha bebida orixinaria do México indíxena) ou cigarros (como homenaxe aos defuntos fumadores).
Ademais destas ofrendas, este «Día de mortos» xenuinamente mexicano, que se celebra tamén noutros países centroamericanos e nos Estados Unidos (onde viven vinte e dous millóns de mexicanos emigrados), complétase con música, baile e o recitado das "calaveritas", versos curtos de ton satírico e burlesco, confeccionados ao xeito de epitafios, nos que se ironiza coa visita de Catrina (a morte) que axexa aos vivos (semellantes ás nosas coplas dos maios). Algunhas destas divertidas calaveritas de escarnio, dedicadas aos políticos ou a xente do famoseo, son publicadas nos xornais para a brincadeira dos seus lectores.
En definitiva, este mexicano "Día de mortos" de orixe prehispánica, que forma parte da mesma memoria mítica da humanidade do noso Samaín de caveiras e xoldra, converteuse co paso dos séculos en festa, mesmo poderiamos dicir que auténtico carnaval, de cores, olores, sabores e amores nos que os vivos e os mortos conviven durante uns días privilexiando o recordo sobre o esquezo. Dúas celebracións populares (moi afastadas do comercialismo do Halloween) que permiten unha visita fugaz ao "Outromundo" para escorrentar demos e bruxas. Tal como van as cousas de axitadas nestoutro, xa non é cousa pequena. Unha auténtica festa de padre!

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya