A Concesión do Nobel de Literatura a Jean-Marie Le Clézio ocasionou que a atención pública se fixase estes días na obra do interesante autor francés que publicara en 1978 (Gallimard) o seu libro de contos Mondo et autres histories.
Nove anos máis tarde,RaquelVillanueva chamou a atención de Luís Mariño, director de Edicións Xerais de Galicia, sobre tal autor e tal libro.Mariño, que ao tempo coñecía ben Le Clézio, animou a Villanueva para que o traducise ao galego, o que ela fixo en colaboración con Valentín Arias. O texto en galego estivo axiña terminado baixo o título de Mondo e outras historias.
Na editorial todo o mundo andaba ilusionado coa colección Xabarín e eu vin a Mariño, a Crego e a equipa enteira da rúa do Doutor Marañón, Vigo, traballando a toda máquina para pór o libro nas mans dos mozos lectores aos que estaba destinado en Galicia. De xeito que o Mondo se terminou de imprentar con debuxos de M. Uhía e chegou ás mans dos interesados no ano 1987.
Le Clézio estivo encantado de ser traducido ao galego e concedeu razoabelmente os permisos oportunos. A traducción ao galego de Mondo é a primeira que se fixo do orixinal francés a calquera outra lingua do Planeta.
A tirada foi de 5.000 exemplares.O que asegura que hoxe Le Clézio no noso idioma se encontra en grande número de bibliotecas privadas e públicas, incluídas as bibliotecas de centros de ensino e mesmo as de prisións.
Teño información de que na cadea de Teixeiro, moi concretamente, Mondo suscitou o interese de ben de presos. Todo parece indicar que Jean-Marie Le Clézio, lonxe de ser un descoñecido en Galicia, é, no noso universo lector, un autor moi aprezado.
O éxito desta versión ao galego foi validado pola concesión de dous importantes premios a traducción literaria: o do Ministerio de Cultura de Madrid (1989) e o"Ramón Cabanillas"da Xunta de Galicia (1989). Somos agora informados de que Le Clézio, despois de recibir o Nobel, volveu cederlle a Edicións Xerais os dereitos de traducción ao galego, de Mondo e outras historias e doutras súas obras que esperamos que saian axiña á luz.
A min chamoume moito a atención unha pasaxe na que Mondo, o protagonista do primeiro conto, que dá nome á colección, olla marabillado como o Sol amence sobre o mar.
Para nós, atlánticos afeitos a vermos como o sol se pon cada día sobre a liña do horizonte mariño, esta páxina valiosa de Le Clézio pode chocarnos e sorprendernos moi agradabelmente.
O protagonoista da estoria é un rapaciño sen fogar que se move por unha cidade do Mediterráneo situada ao pe dunhas altas montañas. Nunca se di Mediterráneo nin existen indicadores de que a cidade sexa Niza ou Menton ou Mónaco; en todo caso paréceno e os montes evocan moito ben os Alpes Marítimos no conto, que transpira bondade e beleza coma o fan as vellas narracións destinadas aos mociños.
Pro en Mondo e nos contos que acompañan a este principal, non hai exemplaridade nin doutrina explícita. Teño entenido que os clézistas galegos están moi interesados en que sexa traducido ao noso idioma unha novela na que o autor admirado nos transporta á sociedade dos tuaregs, este pobo bérbere que foi condenado ao silencio pola historia e que,coma outros de África e non de Africa, no viu nin por unha fenda a luz da desconolización.Estou seguro de que en Galicia e no mundo se vai falar moito deste Jean-Marie Le Clézio que hoxe recibe a atención preferente dos lectores de todo os continentes e nacións.