EN DIRECTO

O meu amigo, Leopoldo

 

ALFONSO ÁLVAREZ GÁNDARA

Salvante as referencias que a cotío facía o meu pai á autenticidade e honradez de Gumersindo, o mártir tudense do anarquismo, debo a Leopoldo García Ortega canto pode haber na miña formación da ideoloxía libertaria.
Cando empecei a tratalo, na fábrica de forxados de Candeán, aló polo 1967, souben por el dun libro que o entusiasmaba: "O Labirinto Español" (The Spanish Labyrinth) Era tal o fervor de Leopoldo por aquel libro que - no tempo en que non era doado adquirir un exemplar, e non existían aínda as fotocopias - tomara o traballo de transcribilo integramente a máquina, agás os mapas, que os reproducira a man.
Realmente, non hai interpretación da historia contemporánea de España - falando de autores universalmente aceptados - na que se renda tributo máis amigable e profundo ao anarquismo e anarcosindicalismo que a contida na obra de Gerald Brenan, e poucas interpretacións empatizan co pobo español e profundan na súa diversidade labiríntica como o libro de "don Geraldo".
Leopoldo admitía que a ideoloxía libertaria era unha pura utopía, pero coñecía demasiado ben e demasiado persoalmente a historia española do século XX, como para pasar por alto as lágrimas, os suores, a loita e mesmo o esforzo intelectual do universo confederal.
En 1967, e moito antes, García Ortega era un militante do PSOE. Era un dos poucos, con Francisco Torres, Bilbatúa, o incomparable Pastor Rodríguez, e algúns máis que eu coñecía en Vigo.
Pero a súa militancia non lle facía esquecer a súa nenez de hospiciano fuxido a Asturias e porfillado por Lola e Julio no seo dun sindicato mineiro, a súa dura infancia no hospicio de Valladolid para onde foi devolto o no que se converteu nun auténtico líder irredutible dos seus compañeiros.
Con aquela impronta confederal que traía consigo e soamente por iso, pola valentía tantas veces amosada no orfanato, foi internado por 2 anos, 2 meses e 2 días no cárcere improvisado de "Las Cocheras" (as cocheiras dos tranvías de Valladolid). Acusación non había, pola mesma razón que non había proceso; había motivos, como relataban o "Norte de Castilla" e o "Diario Regional":
"Detención importante.- Ayer fueron detenidos y puestos a disposición del auditor de guerra de la Séptima Región Militar, Leopoldo García Ortega y Marcelino de la Fuente Serrano, ambos asilados del Hospicio Provincial. Al primero se le encontraron unas cartas que lo relacionan con los extremistas más peligrosos de España y gran cantidad de material de prensa y propaganda subversiva y..."
Así, non era de estrañar que o seu irmán, con 20 anos, intentara en 1937 a manobra heroica da súa liberación. No cuartel no que estaba mobilizado proxectou facer entrar no cárcere - pesimamente defendido - un camión cargado de fusís cunha pequena tropa que recrutara entre os compañeiros e algunha munición. A non ser por unha delación - o punto feble de tantas operacións semellantes - a fazaña teríase consumado, e, como ten reflectido Leopoldo moitas veces, tería desembocado na recuperación da cidade para a zona republicana, porque os presos podían pasar de 4.000. Incluso a creación dunha bolsa na retagarda do exército "nacional" podía ter afectado ao curso da guerra. O irmán de Leopoldo e 15 máis foron inmediatamente fusilados. A aviación republicana conseguiu facerlles chegar unha chuvia de rosas sobre o cimeterio, homenaxe danunziana que foi correspondida, polo visto, con actos profanatorios que non quero describir.
Souben da morte de García Ortega, por un artigo recente, moi xusto, de Méndez Ferrín. Alí fala do noso traballo conxunto por medio da Liga Democrática, e menciona a diversos compañeiros relevantes. Boto de menos a cita do sindicalista Cachán, moi activo e moi próximo aos irmáns López Facal e a Camilo Nogueira. Tamén se coincidía frecuentemente na fábrica de Candeán con Alberto Martín de Hijas, con Carlos Abal e con Enrique Curiel (PSP) e, desde logo, cos Reverter de dúas xeracións.
Moitas xornadas temos traballado, á par de Leopoldo, Basilio García Pérez, José Mª López Álvarez (o novillero, "Cascabeles", veterano de Munich 1958) e incluso ás veces, persoas de lonxe, coma José Vidal Beneyto, grande animador que fora xa do famoso "Contubernio".
Leopoldo, recto, severo, paternal, era unha guía ética, que volvía facilmente polos seus foros e antecedentes libertarios. Estaba decote arrodeado de xente nova porque era todo un activista da resistencia.
Xenio e figura ata a sepultura, inconformista incorrexible - como moitos dos que traballaron canda el naqueles días - e sempre á procura do esencial por enriba do banal, preferiu ser un cabo solto a portarse como disciplinado militante dun partido maioritario. Nos seus últimos anos, daba o seu apoio á CNT.
Como sempre pasa nestes casos, quedáronme dentro miles de cousas que dicirlle e centos de cousas que lle tiña que preguntar.
Benquerido Leopoldo, por se me podes ler ¿qué che parece esta novidade da semana de 65 horas?
* Decano de los abogados de Vigo

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya