A recuperación da denominación de "Festas de verán" para os festexos vigueses deste ano 2008 merece ser abenzoada. Outrosí sucede coa non inclusión no programa municipal de festas da procesión do Cristo da Vitoria, organizada pola igrexa católica, o primeiro domingo do mes de agosto. A pesar de ser moi criticadas polos responsables do Partido Popular, estas dúas valentes decisións do concelleiro de Cultura son plenamente coherentes cun exercicio responsable do goberno dende as institucións públicas.

O amplísimo programa das "Festas de Verán Vigo 2008" amosa o esforzo dos responsables municipais por ofrecer, no marco das súa posibilidades orzamentarias e das características dos espazos dispoñibles, espectáculos e eventos de interese para todo tipo de públicos: grandes concertos en Castrelos e no IFEVI, concertos de todo tipo de músicas nos barrios e prazas, funcións de teatro infantil, proxeccións de cine ao aire libre, espectáculos de animación de rúa, de maxia, festas gastronómicas e populares, mostras de artesanía... Un programa artisticamente digno e máis concentrado ca en edicións anteriores (a maior parte dos actos realízanse na primeira quincena de agosto, o que cremos constitúe un importante atractivo turístico) chamado a contribuír á cohesión social e a proporcionar momentos de lecer aos cidadáns e ás persoas de todas as idades que visitan a cidade. Un programa civil, ademais, que non interfire nin pexa coa celebración dos actos previstos nestas datas polas confesións relixiosas. Aquí, nesta nidia e realista separación entre os actos programados polas autoridades civís municipais e os das confesións relixiosas, debería rematar a polémica que pretenden apupar os populares.

Porén, a exemplar solución adoptada pola concellaría de Cultura viguesa non deixa de ser unha rareza no programa festivo galego, onde os límites entre as celebracións civís e relixiosas ("católicas") son tan difusos como racionalmente incomprensibles. Invocacións como as realizadas por Xosé Sánchez Bugallo (alcalde de Compostela e membro da comisión executiva do PSOE) ao Apóstolo Santiago solicitándolle ao santo, como delegado rexio na Ofrenda Nacional do 25 de xullo, axuda para que "España teña acerto para saír da difícil situación económica actual e recuperar a senda da creación do emprego potente e sostido" [sic], ao tempo que aproveitando por "apostar pola neutralidade relixiosa do Estado" constitúen un exercicio politicamente esperpéntico de quen parece quere poñer ao mesmo tempo unha candea a deus e outra ao diaño. Como se pode entender que un responsable político solicite axuda nun templo para resolver problemas sociais, políticos ou económicos que son da súa única responsabilidade e incumbencia? Sabemos en qué pode consistir a axuda que proporcione o santo solicitada polo delegado rexio? Acaso actitudes sumisas deste tipo diante da xerarquía relixiosa non poden contribuír a apupar a súa "autoridade moral" sobre as conciencias do conxunto da cidadanía (como elas, xeralmente, reclaman), situando ao poder relixioso por riba do civil lexitimamente constituído? Non conviría diferenciar de vez en España os espazos do civil e do confesional?

Por riba, esta presenza habitual de autoridades civís ou funcionarios públicos (como os membros das forzas armadas) en actos relixiosos de culto (sexan ofrendas ou procesións), xustificada, case sempre, co argumento de continuar unha "tradición" secular constitúe unha anormalidade democrática que, despois de máis de trinta anos de afortunada desaparición do réxime do nacional-catolicismo, debería ser completamente superada. Outrosí sucede se repasamos o calendario de días non laborables escollidos tanto polo goberno, as comunidades autónomas e os concellos, onde son as efemérides marcadas polo santoral da relixión católica as preferidas de forma abrumadora, o que constitúe outra disfunción no marco dun estado definido como "aconfesional" no seu texto constitucional.

Sei que o camiño cara un estado laico, onde a "lei civil, expresión da vontade xeral, sexa a esencia de toda a cidadanía, cuxa función non é acomodarse ás opostas e distintas relixións, senón lograr a convivencia, pacífica e xusta de toda a sociedade" (como sinala o recente "Manifesto pola laicidade" elaborado por Galiza Laica), é en España moi difícil, tanto polo poder da igrexa católica, como polas resistencias do actual expansionismo teocrático islámico e sionista. Neste contexto, agradécense pasos afoutos (politicamente arriscados) como os da Concellaría de Cultura viguesa separando respectuosamente as festas civís dos actos relixiosos. Beizóns ao concelleiro Xesús López e ao seu equipo polo programa destas primeiras festas laicas viguesas.

bretemas@gmail.com