Leopoldo García Ortega

 

X.L. Méndez Ferrín

Abracei por derradeira vez a Leopoldo en ocasión do mitin de Cangas de Esquerda ao que el acudiu para aplaudir a Abalo, a Pazos, a Culebras e aos restantes oradores. O noso anterior encontro producírase noutro acontecemento político: daquela vez el dirixíalle a palabra ás masas axuntadas en Vigo para lles pedir o voto negativo no referendum da OTAN. Acabo de ser sabedor da morte de Leopoldo García Ortega. Noto que a perda desa grande figura da Resistencia antifranquista me conmova interiormente. Foi un home bo e xeneroso, como cantan as verbas de Pondal no noso Himno. Procedente da CNT, el era, con Pastor Rodríguez e os Reverter, das escasas individualidades que en Vigo se sentían do PSOE nos anos sesenta e que recibían e comentaban El Socialista. Terei que contar o que sigue en homenaxe a Leopoldo dado que a memoria hoxe non se exercita para reconstruir a historia dos movementos antifranquistas en Galicia. Sobre 1977 constituiuse, nunha fábrica de Candeán propiedade de Leopoldo, a Liga Democrática. Foi unha organización unitaria de acción e de discusión moi próxima á plataforma legal da Asociación Cultural de Vigo. Nela, entre outras persoas, agrupáronse membros da UPG e persoas próximas a aquel noso partido, como Basilio García ou Antonio Bernardo Rubio (procesado e preso polo TOP a raíz da campaña "Liberdade pra Galicia"); do PSG, como Afonso Álvarez Gándara; simpatizantes ou afiliados ao FLP, como os irmáns López Facal; o xesuíta activado politicamente P. Villamil; ningún membro do PCE (por se alguén fai a pregunta, dígoo). Leopoldo García Ortega foi naquela organización unha peza fundamental e un dilixente propagandista. A Liga Democrática atreveuse a facer o que en parte ningunha de España se fixo. Isto é: presentar dous candidatos ás eleccións trucadas a procuradores en Cortes polo tercio familiar na provincia de Pontevedra. Estes candidatos foron Indalecio Tizón (da Irmandade Galega de Bos Aires e persoa que recoñecía a autoridade do Consello de Galiza, que autorizou a operación) e o propio Leopoldo García Ortega. Elaborouse un programa político que recollía os puntos básicos da democracia, do socialismo e do nacionalismo galego. Se vostedes van á colección do FARO poderán ler este texto insólito impreso a toda plana. Cando se elaboraron as octavillas e se someteron á Xunta do Censo, o presidente da Audiencia de Pontevedra ameazou con meter na cadea os candidatos. Foi o intre no que se retiraron estes con estrépito e a farsa electoral ficou desenmascarada. Tamén a Liga Democrática elaborou unha excelente manifesto para convocar o primeiro Día da Patria Galega posterior a guerra civil, en 1968. Distribuído principalmente en Vigo, varias mañás de domingo apareceu a praia de Samil cuberta co alegato da Liga Democrática que se sumaba así á campaña da ADEG (Asociación Democrática de Estudantes Galegos) e da UPG. Tamén a Liga Democrática participou coa UPG no acto de izar na Alameda compostelá aquel 25 de Xullo de 1968 unha pancarta espectacular coa lexenda GALIZA CEIBE E SOCIALISTA. Pasaron os anos e Leopoldo García Ortega rompeu co PSOE e convertiuse nunha personalidade crítica que morreu apoiando os movementos republicanos e todo aquilo que significase, como en Cangas a ACE, unidade de acción contra a barbarie contemporánea. Foi un home ceibe e socialista, en verdade, Leopoldo García Ortega. Nunca o esquenceremos aqueles que tivemos o privilexio de coincidir con el na vida.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya