Nun xornal radicado en Galicia leo a noticia dos actos nacionalcatólicos do Carme en Marín, xa todos saben. En titulares din que os "guardiamarines" van recibir de man dalgún xénero de Borbón os seus despachos. Para tal periódico, claramente favorábel á proclama dos intelectuais orgánicos de Rosa Díez, carece de importancia o feito de que os verdadeiros guardiamarinas non poden recibir despacho ningún porque aínda son cadetes educandos sen grau e lles queda toda a carreira por cursar. O autor da noticia semella ser un xornalista novo que nunca tivo ocasión de ver, tan sequera en "Cine de Barrio", a película Botón de Ancla. Máis sorprendente resulta comprobar que nin o director nin o xefe de sección do xornal se sentiron chocados e deixaron pasar, para risión xeral dos lectores, un texto confuso no cal os cadetes guardiamarinas que xuran e os xa oficiais que rematan a carreira son chamados "guardamarines". Supoño que a Virxe do Carmen, divina patroa da Mariña da Guerra Española, a estas alturas xa terá perdoado a gralla. En realidade, a min interésame o disparate por unha única razón. E esta é: demostra a profunda degradación que os medios de comunicación están a provocar na lingua outrora rica e oufana de Cervantes. E o xornal que titulou "guardiamarines" é un dos que editorialmente exalzan decote a superioridade metafísica do castelán sobre o galego en Galicia. Hoxe o castelán está a ser lingua baixa de Jiménez (ou Giménez, non sei) Losantos en lugar da lingua excelsa de Claudio Rodríguez.

Se un periódico de Galicia escribe "guardiamarines" na ocasión central do calendario militar español que é o Carme de Marín está a revelar a submisión do españolismo ao seu amo verdadeiro: o inglés dos EEUU. En 1898 en Santiago de Cuba e Cavite o orgullo español foi humillado, e no 2008 un periódico servil de Galicia nos ofrece o froito simbólico de tal desfeita histórica: os "marines" que esmagaron en Cuba por terra o exército español xa están na Escola Naval de Marín baixo o nome de "guardiamarines". "Siempre la lengua fue compañera del Imperio", ou algo así escribira Nebrixa ou Lebrixa na súa Arte. Escribir en castelán debería ser, para eles, que teñen unha lingua superior, ao que semella, unha Arte. E non o é.

A demolición da lingua castelán vén dada polo cine (hoxe eu non comprendo moitos diálogos de películas españolas), pola dobraxe, pola reducción ao estado simplicísimo da prosa dos periódicos escritos ou pola miseria léxica, estilística e fraseolóxica dos autores (descontando os leoneses, para o noso gozo de frecuentadores desa lingua extranxeira que nos orgullamos en coñecer moito ben). Fagan, embora, manifestos para a recuperación da lingua imperial, pro da decadencia dela non culpen a outros. Nin os galegos nin os vascos nin os cataláns somos responsabeis da degradación evidente da lingua castelá. Nós cultivamos o noso eido e queremos ser ceibes e independentes para o seguir facendo. Ocúpense eles do mesmo e con igual dedicación en lugar de inventar un inimigo exterior. "Entre cerros de plomo y de ceniza/ manchados por roídos encinares/ y entre calvas roquedas de caliza/ iba a embestir los ocho tajamares/ del puente el padre río/ que cruza de Castilla el yermo frío". Asi si, por Antonio Machado.