O estaleiro de Barreras é un sinal da nosa identidade. Moitos vigueses educámonos co asubío longo da súa sirena e coas noticias que emerxían dunha factoría onde milleiros de obreiros xestaron o carácter punxente e, ao mesmo tempo, revolcado da cidade nosa. A miña nenez e adolescencia estivo marcada polo latexar inquedante do que sucedía en Barreras, onde traballaba o meu tío Suso e o meu padriño Eduardo. É imposible esquecer como no setenta e dous e no setenta e seis vimos nas gradas de Barreras saltar as faíscas que escribiron a crónica de nós; ou como, xa no comezo dos anos oitenta, sufrimos o desacougo provocado pola durísima reconversión de todas as factorías do naval, que xubilou a toda unha xeración de obreiros e levou á práctica desaparición desta actividade industrial na ría. Quen pode negar que en Barreras, en Vulcano, en Ascón, en Santodomingo, en Cardama, en Freire... forxouse o ADN resistente do Vigo contemporáneo?

Creado en 1892, ao abeiro do emerxer pesqueiro do porto de Bouzas, o estaleiro "Hijos de J. Barreras" construíu ao longo dun século máis de 1.600 buques, a maior parte deles pesqueiros, cifra que a sitúa como a primeira factoría naval da nosa historia. Durante dúas décadas convulsas, Barreras, como o resto dos estaleiros da ría, viviu tempos moi difíciles, que o levaron a ser xestionado polo sector público e, máis tarde, en 1997 a ser reprivatizado, xusto un ano antes de que a Unión Europea prohibise que os estaleiros recibisen ningún tipo de axuda estatal. Dende entón, en apenas unha década, a nova factoría Barreras, un equipo liderado polo enxeñeiro "Pucho" Viñas e por Pepe García Costas, coa importante implicación na xestión do colectivo de traballadores, conseguiu o auténtico milagre de refrotar o estaleiro no difícil marco da globalización e do comercio internacional ata situalo entre os mellores do mundo.

Cun proxecto empresarial baseado na innovación, no uso das novas tecnoloxías, na confianza nun equipo humano xove, reducido e ben formado e na procura obsesiva de niveis óptimos de competitividade, calidade e excelencia, a nova Barreras de Viñas reorientou a súa actividade cara a construción de grandes buques Ro-Ro, ferries, embarcacións de abastecemento Offshore e en xeral todo tipo de barcos nos que a innovación tecnolóxica proporcionase o maior valor engadido posible. Froito desta estratexia, baseada na innovación e no modelo dunha empresa de síntese (que reinviste todos os seus beneficios na investigación e na mellora das súas infraestruturas) nas dúas gradas que o estaleiro posúe en Beiramar foron aparecendo cada ano tres ou catro grandes buques abraiantes pola súa envergadura e pola beleza da súa arquitectura móbil. A recente botadura do sísmico "WG Columbus", o primeiro buque de proa invertida (ou en forma de torpedo) dos construídos en España, e dun precioso ferri para a empresa Balearia, constitúen outra mostra máis da formidable capacidade técnica dun estaleiro que nestes momentos de crise económica posúe, paradoxicamente, unha completa carteira de traballo para os vindeiro cinco anos, conformada por dezasete buques de alta tecnoloxía valorados en 1.800 millóns de euros.

Esta proeza de Barreras e dos empresarios e traballadores das súas empresas auxiliares de montaxe, baseada no valor do coñecemento e na confiaza nas posibilidades propias na construción de buques futuristas, contaxiou ao resto do sector da ría que comezou a emular a súa estratexia, convertindo hoxe a Vigo na cidade europea con maior concentración de construción naval. Un futuro moi esperanzador para a nosa industria naval que, porén, para consolidar esta estratexia precisa ampliar as súas instalacións portuarias (como está xa acometendo Barreras coa ampliación das súas gradas e diques, que, a partir de 2010, permitirán a construción de buques de maior envergadura) e profundizar a súa aposta pola innovación tecnolóxica (a ría de Vigo debería contar cunha canle de experiencias hidrodinámicas para que compriría atopar espazo).

Se isto xa non abondase, esta semana o estaleiro Barreras acaba de asumir o compromiso de usar progresivamente o galego como a súa lingua de instalación (tanto na documentación interna, na rotulación, nas relacións laborais como coa comunicación do entorno dos seus proveedores). Barreras recunca, así, na súa aposta por estratexias futuristas e de innovación: neste caso pola tecnoloxía punta que simbolicamente atesoura a nosa lingua. Unir a innovación tecnolóxica coa causa do galego supón un punto de inflexión histórico, a mellor inxección de entusiasmo poderiamos recibir estes días. Beizóns para "Pucho" Viñas e para os traballadoras da factoría pola proeza de facer en galego este novo Barreras do século XXI, orgullo de todos.

bretemas@gmail.com