Por mor dunha xestión importante véxome obrigado a facer unha chamada telefónica a Vigo, a unha persoa descoñecida. Descolga e expóñolle o motivo. En galego, naturalmente. Ela, amablemente, respóndeme en español. E así intercambiamos un par de frases. Nese momento, o meu interlocutor dime: Perdón. ¿Podría hablarme en castellano? Coa mesma educación, eu respóndolle: Si, no hay ningún problema. Porque, ¿no entiende? A súa réplica textual é: Si, pero no quiero que nadie me obligue, que es distinto. Entón, por simple dignidade persoal, con igual cortesía, dígolle eu: Non se preocupe, que eu non a vou obrigar. Moi agradecido. Bos días. E colgo.

Resulta triste e revelador.

Triste porque dúas persoas que se entendían perfectamente sen impoñerlle ningunha delas á outra a súa lingua tiveron que interromper o diálogo. E o diálogo é a única maneira civilizada de se entenderen as persoas.

E é revelador porque queda claro que a negativa ao galego por parte desa persoa non foi o que non me entendese. Eu, como galego que fala varias linguas, considero esa razón poderosa e respectable e falaríalle en calquera lingua na que nos puideramos comunicar. Mais non, o motivo era ben diferente: o feito de eu falarlle na miña lingua considerábao -ou dicía considerar- unha imposición. Ergo era eu -que non tomaba por imposición ningunha que ela me falase en español- quen debía renunciar á miña lingua.

Lamentablemente, nesa concepción coinciden outras persoas. O que acontece é que, se cadra, non expoñen con tanta claridade a motivación.

Onde está o problema co galego?

Entender, enténdese doadamente, e impor non se impón en ningures como pode comprobar calquera persoa que aquí viva. Na Administración a presenza do galego é mínima e a maior parte das veces simplemente "decorativa". O extraordinario non é o uso do español senón o do galego. Pense un pouco calquera de nós na súa experiencia na Sanidade Pública, por exemplo: se o persoal emprega o galego (mesmo cos que o falamos), se a documentación, as indicacións escritas, os tratamentos, as receitas, os carteis, a rotulación, etc. están en español ou en galego. E isto acontece en toda a Administración -estatal, autonómica e local- e en toda Galiza.

Mentres tanto, pretéxtase que o español está aquí en perigo. Porque no ensino hai que estudar unhas horiñas en galego. Porque algunha vez -moi esporádicamente- algunha entidade oficial manda algún escritiño en galego. Porque algunha vez alguén telefonea en galego.

A realidade é moi distinta. Hai unha xenreira -ata hai pouco soterrada e agora desenterrada, manipulada, dirixida e envenenada- contra o noso idioma. Non molesta que vaia acadando a normalización que merece, porque estamos moi lonxe diso xa que o Poder sigue facendo o paripé e os que din preocuparse miran para outro lado (que se monecas, que se filmes...) sen esixir o seu uso no cerne da Administración e uniformemente. Non molesta que predomine na cidadanía como lingua maioritaria porque o seu emprego vai inexorablemente reducíndose e a súa identidade vaise disolvendo nun dialecto do español. O que molesta é que aínda siga vivo, que haxa aínda xente que o usa coa cabeza alta, que mesmo, por veces, haxa na sociedade incorporacións significativas ao noso idioma. Que moitos galegos e galegas non se avergoñen de falar e escribir a lingua que falan e escriben. Por iso hai que acabar con esa lingua. Porque deben vivir coa cabeza baixa e a boca pechada. Como sempre foi. Ou van mandar eles agora? Por iso hai que mentir descaradamente e presentar o agredido como agresor, a víctima como culpable.

Pero a xogada non pode ir avante. Porque non se decataron aínda de que os galegos temos dignidade. Individual e colectiva. E seguiremos a defendela. Coa mesma tolerancia, diálogo e respecto que sempre. E coa mesma firmeza.