Un grupo de dezasete escritores, na súa maioría membros do partido Unión Progreso y Democracia, presentaron en Madrid o "Manifiesto por la lengua común" coa intención de amosar as súas razóns pola que entenden preocupante "situación institucional de la lengua castellana, la única lengua juntamente oficial y común de todos [subliñado no texto orixinal] los ciudadanos españoles". Unha preocupación que para os asinantes do manifesto non ten un carácter cultural senón unha inquedanza "estrictamente política". Aparecido tras a viraxe cara a posicións máis temperadas do Partido Popular, pilotada por Mariano Rajoy no seu recente congreso, e acubillado de forma oportunista na euforia do nacionalismo españolista, desbordado ata o ditirambo tras a consecución do campionato europeo de fútbol, este texto pretende inequivocamente solicitar ao Parlamento español unha modificación da Constitución e dalgúns Estatutos de Autonomía sobre o uso das linguas oficiais naquelas comunidades con lingua propia.

Convenientemente apupado por algúns medios de comunicación madrileños, este manifesto pretende, ademais, amparar as posicións promovidas por pequenos grupos castelanófonos que declararon unha guerra lingüística coa intención de romper o consenso constitucional e de convivencia acadado hai trinta anos sobre o uso das catro linguas oficiais. Tras as teses deste manifesto (considerado por outros escritores, como o andaluz José Manuel Caballero Bonald, como "inoportuno, alarmista e innecesario", xa que entenden que o castelán goza dun saúde excelente, tanto en todo o territorio español como fóra das súas fronteiras), agáchase a perigosa mecha da prepotencia, da intolerancia, da exclusión e da antipatía (por utilizar palabras "cordiais" que non aparecen no vocabulario destes inquisidores) sobre todos aqueles cidadáns que pretendemos lexitimamente comunicarnos e construír as nosas vidas en todos os seus ámbitos (familiar, institucional, laboral, educativo ou comercial) nunha lingua que non é a considerada "común", "principal" ou de "arraigo histórico" por parte deste reducido grupo de escritores españolistas. Por moito que intenten demostrar os promotores destas posicións castelanófonas por medio de rebuscadas denuncias vitimistas e argumentos falaces, durante os últimos trinta anos de consenso constitucional e de desenvolvemento de políticas de normalización lingüística en Cataluña, Euskadi e Galicia o uso do castelán non estivo nin está minusvalorado nin marxinado nin discriminado en ningunha destas comunidades autónomas.

Máis aínda, todos os estudos amosan que en Galicia durante as últimas tres décadas de autonomía o castelán (quizais sería máis axeitado expresar, a súa "variante galaica") non deixou de conquistar a novos falantes mozos, colocando a nosa lingua milenaria, a pesar de ter recuperado algúns espazos valiosos de uso nos eidos institucional e educativo, nunha sangría que pode comprometer a longo prazo o seu futuro. Outrosí podemos expresar das dificultades que soportamos pacientemente e con enorme cordialidade os cidadáns (aínda a maioría, así o subliñan tamén os estudos sociolingüísticos) que pretendemos desenvolver no país onde vivimos toda a nosa cotianidade en galego, unha proeza que sabemos imposible se acudimos aos servizos da administración de xustiza ou da sanidade, á maioría das aulas universitarias ou dos establecementos comerciais, por só poñer exemplos onde o emprego vehicular da lingua do país é considerada unha rareza de aldeáns ou de excéntricos militantes nacionalistas.

Porén, a pesar destas pexas, que asumimos con deportividade, a lingua común de todos os galegos e galegas (non esquezamos que tamén o é dos que non a utilizan como o seu vehículo de comunicación e expresión máis habitual) continúa sendo o noso patrimonio inmaterial máis valioso, a alfaia de simpatía máis apreciada por todos, o espazo íntimo máis privilexiado de entusiasmo cos que contamos os cidadáns desta terra, o ADN da nosa convivencia e comunicación en liberdade. Fronte ao perigoso lerrouxismo político dos promotores deste manifesto, que pretende a toda costa euskaldunizar a convivencia nunha España que sabemos inevitablemente plural (non teño dúbidas que será esta a estratexia da UPD durante esta lexislatura), cómpre enunciar, como propón o escritor Manuel Rivas no seu libro máis recente, os lexemas da simpatía e o emprego das linguas como sintagmas de convivencia. Fronte a esta interesada guerra lingüística dos pequenos grupos castelanófonos, como propón a campaña da Secretaría Xeral de Política Lingüística, encadeemos palabras que apertan: semente, tecnoloxía, axóuxere, recuncar...

bretemas@gmail.com