Premios Lois Peña Novo

 

Xosé González Martínez

Os Premios Lois Peña Novo foron instituídos pola fundación que leva o nome do primeiro concelleiro nacionalista que falou por primeira vez en lingua galega na Casa do Concello da Coruña, e que colocou a nosa bandeira no mastro da primeira institución pública daquela cidade.
Lois Peña Novo foi un activo nacionalista que participou na fundación das Irmandades da Fala, prolífico autor de ensaios sobre a identidade galega, e colaboracións en diversos medios de comunicación do primeiro tercio do século XX. Participou na redacción de diversos proxectos de autogoberno para Galicia e en todos puxo énfase especial para que no seu articulado se establecera a oficialidade lingüística, e, xa que logo, que os funcionarios fosen os primeiros en asumiren as consecuencias derivadas dese réxime xurídico.
A Fundación Lois Peña Novo xorde ao abeiro da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística hai dezaseis anos. Con ela colabora en tódolos procesos e proxectos que se realizan e se deseñan para estender a lingua galega nos usos xurídicos e administrativos. A xurisprudencia e a lexislación vixente orientan este labor que sempre tivo como metodoloxía a oferta positiva. Esta acepción recóllese no Plan Xeral de Normalización Lingüística, que a define como a adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a persoa que representa a Administración e o cidadán, baseada na información da validez, legalidade e mesmo na conveniencia de redatar en galego un documento, no momento de iniciar calquera trámite oficial.
Os Premios L. Peña Novo queren ser un recoñecemento público para todos aqueles que insiren o seu labor a prol da normalización lingüística nestas coordenadas, lonxe de ideoloxismos e prácticas carentes de imaxinación e pedagoxía. Porque a política lingüística, calquera que sexa o seu ámbito de aplicación, debe fundamentarse no rigor do coñecemento da realidade e na operatividade das estratexias, abeirando outras actuacións reiterativas e de discurso indefinido.
Nesta nova edición dos Premios L. Peña Novo, outorgados por un xurado composto por cualificadas personalidades de diversas disciplinas científicas, concedéronsellelos galardóns a dúas persoas senlleiras en cadanseu ámbito de actuación e a un concello polo meritorio labor realizado na reconstrución da identidade galega.
A don Xesús Ferro Ruibal, investigador e académico da Real Academia Galega, sabio filólogo, unha persoa de acción empeñado en descubrir e aplicar remedios que fortalezan a delicada saúde -"pero con moita vida por diante", diría el- da lingua galega. Desta condición de extraordinaria capacidade de traballo da que está dotado, son froito algunhas das súas obras máis recoñecidas e valoradas nos campos erudito e académico, como, por exemplo, as investigacións realizadas no campo da fraseoloxía.
Don Manuel Pereira Costas, maxistrado do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, que ademais forma parte do grupo de xuristas integrados na Irmandade Xurídica Galega, ditou máis de mil sentenzas na nosa lingua, malia a súa mocidade, representando este corpus documental un elemento desencadeante de aceptación, polos xusticiables, e unha actitude a imitar por compañeiros e funcionarios xudiciais. Valorou tamén o xurado, sobre todo, o especial coidado que pon este maxistrado no rexistros dos usos lingüísticos.
Ao Concello de Vilar de Santos recoñéceselle o seu dinamismo no que fai ao desenvolvemento industrial e económico, que conviven en harmonía coa conservación da natureza e da tradición cultural, manifestadas na creación do Museo da Limia e nos moitos traballos de investigación etnográfica que ten publicados.
O día 26, como tódolos anos, o castelo de Soutomaior será o escenario deste encontro para o recoñecemento de actuacións positivas a prol da normalización lingüística.

Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo
Diari de Girona | Diario de Ibiza | Diario de Mallorca | Empordà | Información | La Opinión A Coruña | La Opinión de Granada | La Opinión de Málaga | La Opinión de Murcia | La Opinión de Tenerife | La Opinión de Zamora | La Provincia | La Nueva España | Levante-EMV | Mallorca Zeitung | Regió 7 | Superdeporte | The Adelaide Review | 97.7 La Radio | Blog Mis-Recetas | Euroresidentes | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya