EN DIRECTO

A lavandeira coxa

 

X.L. Méndez Ferrín

Conta Xurxo de Vivero no seu libro sobre as aves urbanas de Galicia (Xerais) dunha lavandeira á que lle faltaba un pé e que nembargantes se deselvolvía moi ben polo mundo. Nunha beirarrúa da Avenida das Camelias de Vigo vexo todos os días peteirando ou facendo que peteira no chan unha lavandeira á que lle falta unha daquelas longas e finas patas que a converten nunha zancuda en miniatura. Estou a falar dunha especie que na miña infancia e mocedade só se vía próxima ao home polos camiños da aldea, e aínda polos tellados. Hoxe está no centro das cidades e forma parte do continxente ornitolóxico que modificou os seus costumes e se fixo urbano. Ningún neno acantaza xa paxaros, como faciamos nós con fondas ou tiragomas. Saberán que ás lavandeiras lles presta moito durmir nos canavais, do tipo dos que proporcionan canas para as videiras. A un canaval que eu sei chegaban á noitiña ducias de lavandeiras de toda unha contorna, en Mourente, Pontevedra. E coñecín un rapaz que se entobaba no canaval á espera das lavandeiras, que non o vían no luscofusco. El disparáballe coa espingarda de ar comprimido a moi pouca distancia e facía grande mortandade de lavandeiras. As correntes culturais dominantes respectan hogano moito máis que noutras eras as especies selvaxes. Por iso as especies selvaxes convértense en especies civilizadas, ou sexa cidadás.
Eu gosto da lanvadeira, así da esquiva e colorida dos ríos retirados, que non se civiliza nada, como da máis común que leva tamén en galego o nomes vulgares de pastoriña (Vilanova dos Infantes), pastoriza (con seseo, Morrazo) ou paxaro da neve (en castelán, aguzanieves). Seu nome científico é Motacilla alba, á que lle recoñecen unha subespecie máis escura que no é do caso agora.
A lavandeira, patilonga, ten o bico finiño, e nela destaca o rabo que sempre move ao andar. Cando escapa de nós en pequenas voaduras a lavandeira desprega a cola. Chía moi pouco e non asociamos a súa voz con canto ningún. É un paxaro fino, xentil, cuxa observación relaxa o paseante. É unha presenza femenil á que non lle imaxinamos macho.
En latín chamábanlle motacilla/-ae, de onde no século XVIII saiu o nome linneano. Pro este nome dispuña dunha variante, moticella, que os romanos, por etimoloxía popular, facían derivar do verbo moue, -es, moui, motum, mouere, que significa "mover". Lemos en Varrón, a respecto da lavandeira, isto: "semper mouet caudam". Quer decer que estamos a tratar dun paxaro caracterizado visualmente polo feito de que el "estás sempre a darlle ao rabo ou a mover a cola". Por iso mesmo o nome vulgar francés de lavandeira é o de hoche-queue: "a que move a cola de arriba a abaixo". O curioso é que os franceses tamén lle chaman bergeronnette que significa "pastora" en diminutivo, o cal ven ligar con outros nomes galegos da Motacilla alba que xa citamos: pastoriña e pastoriza.
Rematando esta columna vou dar unha volta pola Avenida das Camelias por ver se a miña lavandeira coxa sobrevive na cidade.

Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo
Diari de Girona | Diario de Ibiza | Diario de Mallorca | Empordà | Información | La Opinión A Coruña | La Opinión de Granada | La Opinión de Málaga | La Opinión de Murcia | La Opinión de Tenerife | La Opinión de Zamora | La Provincia | La Nueva España | Levante-EMV | Mallorca Zeitung | Regió 7 | Superdeporte | The Adelaide Review | 97.7 La Radio | Blog Mis-Recetas | Euroresidentes | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya