Segundo as malas, malísimas linguas botadas a pacer polos diferentes medios de comunicación adiante, a Apocalypse Now -talmente como se as moi "colocadas" hostes do coronel Kurtz estivesen xa a escorregar polo río Mekong abaixo, sen que o noveno batallón da Primeira División de Cabalaría Aerotransportada (Wagner e mais "A cabalgada das walkirias" mediante, xa saben) xurda nos ceos, a golpe de napalm, para impedírllelo-, a tal Apocalipse, digo/escribo, vive xustamente "now" (agora mesmo, vaia), instalada entre nós mentres ZP e o seu impío goberno -é un dicir o de "goberno", claro é- se dedican a velas vir cando non ao cultivo das máis variadas, disparatadas andrómenas, sempre situados a anos luz da máis que sufrida "xente normal".

A Apocalipse, o Diluvio, The End... iso mesmo é o que significan, daquela, determinados comentaristas de postín, (supostos) líderes de opinión da villa y corte e/ou aínda das diferentes terminais establecidas nesta comunidade -Galicia?; Galiza? e a eles que máis lles terá!- na que estamos a habitar no día a día. Pois ben; se tal é iso o que opinan, entenden, declaran, pontifican... os devanditos, como se vai atrever este modesto cronista a tan sequera matizar, graduar...calquera cousa ao respecto? Mesmo, na apoteose dos prantos pola destrución deste (noso) mundo, hai quen non deixa de acudir a modelos ultramariños: e velaí, xa que logo, a Madonna -ou, en versión castiza, á moi inefable e monárquica (si, monárquica, por que mo preguntan?) Paloma San Basilio- a interpretar, urbi et orbi, unha versión axeitada do "Don´t cry for me Argentina" mentres as hostes feras de camioneiros, armadores, transportistas do xeral, taxistas, viaxentes, equilibristas... amagan e ameazan con lle prender lume á Casa Rosada/Moncloa de turno. Iso si; sabido é que predicar é unha cousa; pero dar pan vén resultar outra moi diferente. Traducido: a pesar de todas as críticas, ningún dos referidos, conspicuos opinadores/opinantes acaba de dar un paso decisivo á frente. E é que, miremos para onde mireremos, o panorama semella non exergar grandes perspectivas. Pódeselle apor, xa que logo, a D. Alfredo Pérez Rubalcaba e/ou a Dna. Magdalena Álvarez Arza que a súa xestión non é, precisamente, un modelo de brillantez e de eficacia -xa non digamos de simpatía!- nestes momentos. E con eles, desde logo, ao conxunto dos seus colegas nas tarefas gubernativas. Pódense aínda imprimir centos, millares de carteis ofrecendo unha recompensa pola caza e captura do fuxitivo talante e tira p´a lante. Podemos procurar aínda ZP e mais a María Teresa Fernández de la Vega alí onde se oculten: mesmo se tal ten lugar nun chalet poligámico do Níxer. Agora ben; quen máis, quen menos, tal semella que houbese a conciencia de que se, nunha arroutada xenerosa, Pepiño Blanco dese o seu particular Nihil obstat e, en consecuencia, decidise apoiar todas e cada unha das iniciativas chegadas desde casa Génova e, xa que logo, afrontar a crise man con man, cóbodo con cóbado, xuntos e en agradable compañía.... tanto a D. Mariano e mariachis adxuntos como a Dna. Esperanza e chulapos/as agregados/as lles ía entrar o baile de San Vito, o xarampelo malaio, as febres da Polinesia ou a piorrea patafísical total. Inventar? Que inventen eles! Gobernar? E é que a min iso de gobernar... por un lado, ti xa ves e polo outro... que queres que che diga?

Desde logo, alguén podería retrucar sinalando, por exemplo, a (presunta) contradición daqueles que, nun momento dado, se queixan perante calquera intervención estatal nos seus negocios ("viva a empresa libre!, abaixo os impostos!") para, a continuación, proclamar que ese mesmo estado os deixa abandonados á súa sorte ("o goberno pasa de nós, non hai dereito!"). Contradición, así mesmo, dunhas xentes que saloucan, salaian e xemen perante a demora na construción de Aves e demais trens-foguete e, ao tempo, propiciaron durante décadas o minfundismo máis radical no tocante ao transporte polas estradas. Discordia, en fin, entre querer os percebes e estar disposto, ou non, a mollar o cu por causa deles.

Que como sairemos desta? Pois como de costume: pagándolle aos xeques árabes, aos transportistas, aos armadores, aos supermercados, a Facenda... con algún furado máis no peto, iso si, e tirando de cartón de crétido. Até que Deus e mais a banca queiran, nin que dicir ten..Podemos, entón? Claro que podemos! Podemos... ou non, que diría D. Mariano. Tan só falta que David Villa, ou Fernando Torres, teñan o valor e mais a fortunar de acadar outro hat-trick. A crise, di Vde.? ¡A por ellos, a por ella, oé, oé, oé!