A cincuenta anos do seu pasamento, Carlos Maside (1897-1958) preséntasenos como unha figura decisiva na configuración da nova arte galega no período comprendido entre os anos vinte e a posguerra. A súa obra inicial parte do Castelao viñetista, pero acentuando o expresionismo, recibindo a influencia do expresionismo alemán, do gravado popular e mais da estampa xaponesa, referentes que están no ambiente pictórico do París que coñece en 1927 cunha bolsa de estudos. Cun forte compromiso socialista e galeguista e nun contexto social tan conflitivo como a Ditadura de Primo de Rivera e a II República, a arte de Maside atinxe obras de plenitude expresiva en gravados como La carga ou Ha pasado el orden. Ao tempo, desde as súas estampas de temas populares de finais dos anos vinte Maside inicia un rigoroso proceso de pescuda dunha imaxe caracteristicamente galega que supere o tópico costumista. As súas primeiras obras móvense entre un decorativismo de estampa xaponesa e un certo primitivismo, para chegar nos seus óleos a crear un modelo estético que por medio de formas esgrevias e plenas se inspira na escultura medieval e tradicional e que na súa rotundidade lembra o granito. Obras como Muller sentada (1930, Museo Quiñones de León, Vigo) son auténticos manifestos da nova pintura galega.

Durante os años que seguen á Guerra Civil, Maside traballa nun auténtico exilio interior, teimando no proxecto de trazar novos camiños na arte galega, consciente de que a renovación anterior, protagonizada por el xunto co resto d´Os Novos (Colmeiro, Souto, Laxeiro...), precisaba dunha posta ao día. As súas obras deste período, como A sesta (Centro Gallego, Bos Aires) ou Lavandeiras ( Museo Quiñones de León, Vigo) manteñen o vigor de composición e a expresividade do debuxo, mais agora cunha exaltación da cor e da luz.

Luís Seoane, que sen dúbida dará o seguinte paso decisivo na evolución da pintura galega, comprendeu como ninguén o sobranceiro papel xogado por Maside na configuración dunha arte ao tempo nacional e universal e así llo manifestou ao propio Maside: "Estou seguro de que cando no porvir deba escribirse ou falarse sobre a pintura galega actual, que é a que primeiro conta como galega na historia da nosa pintura, será a túa obra a que amose novos camiños abertos". Efectivamente, os camiños trazados polo artista, o rigor conceptual e formal como desenvolveu o seu labor e unha rica cultura que se definía desde un compromiso social e unha intensa identificación co país caracterizan a obra e a personalidade dunha figura central do discurso estético da Galiza contemporánea.

(*) Profesor, licenciado en Historia da Arte