Hai unha chea de cousas que non acabo de entender de todo, ou máis ben non entendo nada. Pero das que menos, as que teñen que ver coa enerxía. Non da enerxía vital, senón da enerxía pola que cobran. A razón de por qué a enerxía eléctrica, que hoxe en día é un servizo público tanto ou máis necesario ca outros, é un negocio privado. Un negociazo, ou un negocísimo, que se fai con recursos aínda máis que públicos, como a auga ou o aire. A produción eléctrica foi sempre un asunto de Estado tal que se impuxeron as instalacións onde e como se quixo antes, hai pouco e mesmo agora (en Navia de Suarna levan medio século entre que se quedan baixo da auga ou non). Dos eólicos xa nin falamos.

Quero dicir que non vexo moita diferenza entre subministrar enerxía a unha sociedade ou equipala con vías de comunicación e transporte. Pero no primeiro dos casos, o único pito que lle queda tocar ó Estado é facer que fai e aparentar que se pon duro e soamente permite que suban as tarifas dúas veces o incremento do IPC. Parece ser que xa se implantou a competencia no sector, pero para min que a única conquista social real neste ámbito foi a obriga de que se detallara o recibo da luz e deixaran de facer como eses restaurantes de confianza (da que ti tés neles) nos que che cantan o que hai, e logo contan e cobran a ollo. Foi case unha revolución. Como o descanso semanal ou a xornada de oito horas, vamos. Non é raro que houbera resistencia. Así coñecemos estraños conceptos como que nos alugan o contador, un aparato que necesitan as compañías para saber canta electricidade che dan. Por min, non mo poñan, alá eles. (Oia, que é pouco máis que un euro, dirán, pero xa firmaba eu que me deran un euro por cada un de vostedes que le esta columna).

Agora, compañías esas que van amañar o futuro da humanidade a base de ter máis beneficios cada exercicio conseguiron do Goberno que nos defende arrearnos unha suba de agárrate. Xa conseguiran antes, non sei quen de quen, e en base a que, que a todos aqueles que convenceran de que gastaron un pastón nuns aparatos que podían usar de noite e electricidade máis barata, agora van ter que comer os aparatos con tarifa normal. Pero todo con medidas sociais. Eu en canto escoito o das medidas sociais, agacho a cabeza e boto man a carteira. En primeiro lugar porque subxectivamente non son obxectivo de medidas sociais nin obxectivamente me consideran suxeito axudable. Pero en segundo lugar porque cando anuncian medidas sociais é para contraprogramar outro tipo de medidas que non lle chaman así, pero que son antisociais. Antisocial é subir a luz, pero non é social facerlle unha rebaixiña a quen precisa menos de X potencia. Porque lla fan a un rico que viva só e non a unha familia numerosa, porque non se precisa a mesma potencia nun clima frío que nun cálido, e sobre todo porque non é que as eléctricas deixen de cobrar esa cantidade: é que llela imos pagar todos. Para variar.