EN DIRECTO:

Tamaño natural

 

Xosé Ramón Pena

Pois non señor; nada diso. O rótulo co cal se inicia a presente crónica semanal, sempre de bolina, nada ten que ver -ou, polo menos, nada que ver nun principio- con esoutro que lle dá título ao estupendo film -ao cabo, unha surreal, buñueliana, alegoría acerca da incomunicación e mais da soidade- que, en 1973, dirixiu Luis G. Berlanga, con Michel Piccoli e Roda Rassimov nos papeis protagonistas, e que responde xustamente dese xeito: "Tamaño natural". Non obstante, si que fai relación ao, xa famoso, volume -polo visto, moi próximo dos andeis das librarías de noso-, do cal foi a encargada da edición a señorita/señora Dian Hanson, que responde aos titulares de "The Big Penis Book": unha obra, un texto que, repitamos, semella constituír todo un número un de vendas polas Europas e Américas adiante. En fin; os "papeis", este venerable rotativo sempre á vangarda, trouxeron -e traen aínda- cumprida información acerca do referido libro; permítanme engadir, para aqueles de Vdes. que anden un tanto despistados no asunto, que Dian Hanson é alguén con acreditada experiencia no terreo que estamos a pisar: vinte e cinco anos como editoria das revistas sexy da editorial Taschen, directora de publicacións como "Luggs" ou "Leg Show Sexual Fetish , para alén dun amplo número de volumes da súa man, así o poñen de manifesto. Ou, como moi ben sinala un amigo de meu, sobre todo aquilo que se pode contar, pesar e medir mellor é aplicar tal conto e, xa que logo, nunca entrar a discutir.
Como é ben sabido, -e como, desde logo, as sempre moi amables lectoras (e/ou os lectores de inclinación gay, supoño) han de considerar como lle cómpre- conforma un lugar común naquilo que afirman/entenden/opinan, seica, as mulleres o significar que "o tamaño non importa"; en consecuencia, calquera pretensión, fachenda... por parte dos varóns non vai máis aló dun estereotipo da vaidade masculina, simple fantasía húmida, proxección dunha pura sexualidade infantil/adolescente no tempo e lembranza das vellas sociedades patriarcais nas que o culto ao falo -que non ao Falete- se impoñía como norma.
Mais velaí que -para pasmo e terror por igual de (pretendidos e pretendentes a) machos ibéricos e mais feministas asilvestradas- o contido de "The Big Penis Book" vén determinar precisamente todo o contrario: e é que, segundo sempre Miss Dian Hanson, sucede que "aquilo" -é dicir, a lonxitude e mais o grosor de "aquilo"- si que importa e moito!, tanto para as señoras como para os señores e aínda o xénero neutro, si lo hubiera/hubiese. Determinada, polo visto, a reavivir fantásticos soños/pesadelos de outrora -iso, nin que dicir ten, depende de cadaquén e da súa almofada-, a señorita/señora Hanson explica, tamén e incluso, cales son as dimensións que configuran a promesa certa do pracer infindo. Velaí daquela que, nin máis nin menos, a "cousa" ten que chegar aos vinte centímetros, vinte!: algo que apenas semella ao alcance do 2% da poboación -masculina, claro é-; en fin, poñámolo mellor en pulgadas -a "cousa" non ha de pasar das oito, de acordo con semellante contaxe- que o resultado resulta, de certo, moito menos desolador e/ou desacougante.
Hai que ver! Irán xa uns vinte anos, máis ou menos -é dicir; total nada, se habemos de lle facer caso ao que explica o célebre tango- que os membros (nunca mellor dito) do grupo La Trinca, oportunamente travestidos como "Las Hermanas Sisters", proclamaban/cantaban aquilo de: "Llevan colgando los hombres/un cilindrín, un cilindrín/ que dicen que es para darnos/gustirrinín, gustirrinín./ Ellos presumen que un palmo/es la media nacional,/pero que no den la talla/es lo más habitual". Décadas adiante, porén, cando asistimos ao máis que evidente regreso do home-home -proba de tal témola na política: Silvio Berlusconi, Hillary Clinton, Esperanza Agui... digo Obama e Mariano Rajoy!, en que raios estaría pensando este cronista?- de novo as pantasmas xorden á espreita: "e ti... que tal de... xa me entendes?", coméntase nas máis profundas e intelectuais tertulias. "Pero de qué vas... se o tamaño non importa!" "E quen che veu contando a ti iso de que non importa?" "Pois é o que dini as propias mulleres" "As propias mulleres? Que non importa? Ha, ha, ha!!!"
Se antes xa fora "The Big Book of Breast" -para maior epifanía da silicona e Pamela Anderson- retornamos agora ao centro xuto do universo. Chegados aquí, e mentres os libreiros esfregan as mans, xa non digamos os editores do libro!, acaso convén voltar de novo aos versos de La Trinca: "... no siempre van unidas/cantidad y calidad... Palmo más o palmo menos/qué más da, ¡oh baby!, qué más da". Que cal tamaño...? Pois póñanlle Vdes. que, simplemente e sen vaidades, un tamaño... un tamaño natural.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya