EN DIRECTO:

Premios Nacionais

 

Manuel Bragado

A concesión dos primeiros Premios Nacionais da Cultura Galega supón unha das noticias culturais máis relevantes dos últimos tempos, tanto polo valor das persoas e institucións honradas con estes galardóns, pola importante participación cívica que supuxeron, como polo feito moi significativo da súa denominación como nacionais, demostrando así que somos unha nación. O recoñecemento ás traxectorias máis destacadas en todos os ámbitos e manifestacións da cultura, entendida dun xeito global; o carácter participativo do proceso (onde máis de cinco mil entidades culturais foron convidadas a propoñer candidaturas); e a independencia das administracións públicas dos membros do xurado que os outorgou foron características desta primeira edición dos Nacionais, que serán entregados o vindeiro día 14 de xuño. A concesión destes galardóns resposta, ademais, á necesidade expresada unanimemente polo sector cultural galego de homologar o seu funcionamento ao doutros países do noso entorno, como Cataluña que dende 1995 ven convocando exitosamente unha iniciativa semellante. Recoñecer o traballo dos mellores creadores ou das iniciativas máis innovadoras non é só un acto de estrita xustiza; é, tamén, un exercicio necesario de autoestima que alenta o labor do conxunto dos nosos creadores e da emerxente industria cultural do país.
Non hai dúbida que os nosos nacionais comezaron con moi bo pé, sobre todo, pola categoría indiscutible dos seus primeiros gañadores. Xosé Luís Méndez Ferrín, mestre primeiro das letras galegas contemporáneas, na categoría de "Literatura"; Manuel Gallego Jorreto, mestre na integración da arquitectura na paisaxe, na de "Arquitectura e espazos públicos"; Francisco Leiro, mestre da escultura expresionista, na de "Artes visuais"; Manuel Lourenzo, mestre na expresión e escrita teatral, na de "Artes escénicas"; Mercedes Peón, mestra na exploración folclórica, na de "Música"; Margarita Ledo Andión, mestra na investigación e creación audiovisual, na de "Cine e audiovisual"; Francisco Díaz Fierros, mestre na investigación edafolóxica e no urdido da ciencia como cultura, na de "Pensamento e Cultura Científica" constitúen unha nómina de ouro da nosa creación cultural das últimas décadas. Outrosí sucede coas entidades recoñecidas nas categorías de "Iniciativas Culturais", o Laboratorio de formas de Sargadelos, alentado pola intelixencia creadora de Isaac Díaz Pardo; na de "Cultura tradicional e de base", o Museo do Pobo Galego, hoxe a lumieira da nosa cultura tradicional; na de "Patrimonio Cultural", a remodelación urbana de Pontevedra, que amosa as enormes posibilidades de rehabilitación dos núcleos históricos das nosas cidades.
Salientar a importancia destes primeiros premios nacionais, organizados pola Consellaría de Cultura e Deporte, non é obice para sinalar algunhas das limitacións do modelo escollido, especialmente no que atinxe ao ámbito literario, o eido fulcral da creación cultural. A inexistencia dunha convocatoria por xéneros literarios constitúe, na nosa opinión, un reducionismo inaceptable que debería ser corrixido en futuras convocatorias. Mais aínda, cando o artigo 21 da actual "Lei do libro e da lectura", aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia, durante a actual lexislatura, establece a este teor: "A Xunta de Galicia outorgará, en colaboración cos axentes do sector, os premios da edición de Galicia ás mellores obras publicadas en galego cada ano -narrativa, poesía, teatro, ensaio e literatura infantil e xuvenil-, á mellor tradución, ás obras mellor editadas e aos mellores labores editorial e de fomento da lectura, ás obras mellor ilustradas e outros". Se non nos trabucamos na interpretación do texto normativo, estes premios nacionais da literatura e da edición galega non deberían ser incompatibles coa convocatoria dos gabados Premios Nacionais de Cultura. A ampliación dos Premios Nacionais aos distintos xéneros literarios supoñería cada ano un recoñecemento decisivo para a nosa creación literaria actual, ao tempo que constituiría unha medida de fomento da lectura e de apoio ao noso idioma nacional, eidos que precisan de todas as inxeccións de entusiasmo e autoestima que a sociedade galega poida compartir. Outrosí sucede coa posibilidade de crear un gran premio nacional -equivalente ao "Cervantes" en castelán e cunha dotación económica, canto menos equivalente- que recoñecese os servizos prestados durante toda unha vida á cultura galega. Este galardón, quizais podería chamarse "Premio Rosalía de Castro", poñería ramo de ouro aos nosos nacionais, que abren un vieiro de autoestima para a cultura de noso.
Beicemos aos gañadores dos nosos primeiros nacionais.
bretemas@gmail.com

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya