Julio e o Río

 

X. L. MÉNDEZ FERRÍN

Las Cuevas de Sésamo, na Calle del Príncipe de Madrid, eran unha sorte de imitación, nos anos cincuenta do século XX, das caves ou subterráneos que se puxeran de moda no París existencialista da década anterior e nalgún dos cales cantaba, de negro para o mundo, Juliette Greco, tan pouco dotada de graza. Nas paredes de Sésamo figuraban citas literarias en todas as linguas imaxinabeis menos o galego, o vasco e o catalán, porque aquel Madrid, coma este, vivía con feroz intensidade o odio ao pluralismo nacional. Por alí caiamos algunhas noites para trasfegar uns cubas libres (no argot do meu grupo recibían o nome de chanqueiros, o cal terminaron por aceptar numerosos camareiros manchegos de antano). Un pianista repasaba en Sésamo toda a canción francesa e italiana contemporánea e soía facernos caso cando lle pediamos o Macky Coitelo da Opera de non sei cantos Patacóns por Weil e Brecht. Había por alí algunha xente comunista que aplaudía.
Fallaban os da empresa o Premio Sésamo de conto e as votacións eran comunicadas polo altavoz en plan moi intrigante. Un ano (1959, coido) presentei, traducido ao castelán, un meu conto titulado "O Suso", que está ambientado na beira do río da Barbaña de Ourense. Non se levaba daquela a fantasía senón o realismo tenro do cal era mestre o probe Lalo Azcona, que soía facer vida no Café Varela aínda que, por veces, tamén era visto e ouvido en Sésamo. O meu conto chegou a finalista e mesmo Xulio Maside chegou a emocionarse comigo e cos outros camaradas que me acompañaban.
Pro o premio foi para Angela Ionesco, unha muller nova coa que eu tiña gulapeado algún gin-fizz no Café Teide e que, se non me falla a memoria, era xornalista de oficio. Moitos anos máis tarde "O Suso" foime moi eloxiado por Eduardo Blanco Amor quen me dixo que tal conto lle dira a idea para escribir Os biosbardos, sobre graxos infantís e xuvenís de Ourense coma o meu protagonista.
Tamén me quitei a espiña porque, ao ano seguinte, o Premio Sésamo lle foi outorgado a Julio López Cid, excelente escritor ourensano en castelán que batizado na pía de Santa Eufemia, aquela que ten propiedades artístico-literarias e que meteu na igrexa católica romana os naipelos Risco, Otero Pedrayo, Blanco Amor e os pintores Quesada, entre outros notabeis neófitos que logo persistirían ou non na Fe. M. Anxo Murado seica é tamén Sésamo.
Souben non hai moito de Julio López Cid, finísimo narrador e evocador en castelán, por unha nota necrolóxica maxistral e conmovente sobre a figura do Manaicas, quen fora o noso ídolo de nenez polas súas aventuras descomunais e só comparabeis ás do Capitán Marvel ou Maravillas que nos vendía a Viúva de Lisardo. Agora acabo de ler unha novela moi breve e bela de Julio sobre Ourense e o seu río, xa non a Barbaña senón o Miño. Titúlase precisamente El Río (Ed. Duen de Bux, Ourense) porque o protagonista é el, o río grande e temíbel que pasa so a ponte dos suicidios e cuxos remuíños nos poden afogar en pozos do Inferno ou pegos sen fondo. As vidas e as mortes técense e destécense na narración e unha atmósfera de nostalxia invade a alma do lector, sobre todo se este é ourensan e regresa, nas palabras precisas e Julio López Cid, ao centro de si mesmo.
Seguiremos falando de El Río.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya