Azorín insistía moito nos altos valores literarios de Los Trabajos de Persiles y Sigismunda, a mellor novela de Cervantes na miña humilde opinión. Pro o caso é que hoxe ninguén le tal novela de fantasía e aventuras ao mesmo tempo que ninguén le xa Azorín. O mesmo acontece coa Galatea aínda que disto non me doio eu porque tal novelón obeso e meloso non resiste a comparación nin cos gráceis modelos da pastoral que foron a Arcadia de Sannazzaro e esa alfaia epico-lírica cuase galegoportuguesa de Bernardim Ribeiro que é Menina e Moça e na que moitos sostemos que se reflecten as árbores no verdadeiro Río Miño. O teatro de Cervantes non existe para nada na escena española aínda que eu penso que moita da súa literatura dramática é dignísima, eficaz sobre as táboas e interesa aos contemporáneos, como ten sido demostrado en diversas ocasións por directores de escena cultos e audaces. Algo se len as Ejemplares aínda que moitas non o merecían.

Non se pode decer, ao meu xuízo, que o Quixote non se frecuente porque goza do favor de moitos lectores e, sobre todo, relectores, e de traductores a todas as linguas do mundo. Debe de ser por iso polo que sobre o Quixote se teñen escrito e dito as cousas máis dispares e ás veces disparatadas ou peculiares. Estes días pasados, ao fío do Día do Libro, lin algo verdadeiramente cómico nun deses suplementos literarios de Madrid nos que nunca se fala de Azorín nin de Los trabajos (xa saben a que me refiro). Todo saben e todo o entenden, de maneira que vai un dos máis exitosos romancistas de Madrid/España e pon no papel que o Quixote debemos lelo como unha xenial anticipación das road movies ou road novels quérese decer películas ou novelas nortemericanas de estrada do tipo dunha famosa de Kerouac. Estaría ben traída a idea se non fora que xa o fora así o Lazarillo e seguiu a selo toda a picaresca castelá. Todos son probes e todos se moven nestas novelas itinerantes e o Quixote precisamente, obra riquísima en novidades literarias, non conta entre as súas orixinalidades a invención da viaxe. En todo caso, aproveitemos a ocasión da Festa do Libro para decer que o Quixote non é a obra cumio da literatura castelá. Inda que esta (a literatura castelá) sexa unha de clase media, se a compararmos coa francesa, a inglesa ou a italiana, existen nela os nomes de Fernando de Rojas, San Juan de la Cruz ou Francisco de Quevedo que, a pouco que pensemos neles, automaticamente veremos relativizar o noso entusiasmo cervantino.

O Quixote é algo máis ca unha obra cumial: é algo único que está fora de cualquera sistema e traspasa as nosas vidas acrecentándose a cada nova lectura. O cal non debe facernos esquencer que o Quixote é unha obra extraordinariamente divertida e ideoloxicamente ben transgresora. Un dos factores que, nesta altura da miña vida, me fai atractivo o Quixote é a multitude de erros e incoherencias narrativas que contén e que humanizan a obra. De modo particular eu nunca puiden deixar de me preguntar cada vez que fecho o Quixote, ou Los Trabajos, ou Los baños de Argel, porqué os apelidos Cervantes e Saavedra do pai do autor eran galegos inequívocos e por que o da súa nai, Cortina (Cortiña) tamén o era. Nunca o saberemos porque Galicia, na obra de Cervantes, só existe nalgunha dedicatoria a algún oligarca nobiliario que de aquí recibía o froito do suor dos seus súbditos.