Hai anos descobrín un exemplo de sedución e masculinidade na persoa de Miguel Lorente. Sedución de quen trasmite amor en acción, de quen coa súa mirada de home intelixente desnuda a realidade das vítimas invisibles. Masculinidade verdadeira por canto ama as mulleres até o punto de significar os valores terroristas do machismo. Postulador do feminismo, tanto na súa orixe coma no seu movemento e pensamento, desenmascarador da desigualdade da opresión da muller e do dominio no nome do patriarcado. Home e científico humanista.

Vaia por diante que quedei moi tranquila e satisfeita ao saber do seu nomeamento. É un dos maiores expertos mundiais en violencia de xénero, por non dicir o maior. Excelente eleción, señora Ministra, non cabe dúbida que escomenza vostede coa forza que agardamos as feministas.

"Mi marido me pega lo normal". Miguel Lorente Acosta -Premio Alecrín 2004-, novo responsable da Delegación contra a Violencia de Xénero, escoitou esta frase na boca dunha vítima hai xa vinte anos, atrapouna e deulle forma de libro rigoroso e científico; referente clásico para quen queira saber do terrorismo de xénero e da condición de vítima, da súa degradación, da súa prisión.

Esta frase que titula o primeiro libro do Miguel é todo un exercizo de empatía científica e social. Empatía de home comprometido cos dereitos das humanas cando di que "cómpre achegarse individualmente ás vítimas" nas súas primeiras declaracións despois do nomeamento. Científico do social, por canto abrangue o seu compromiso intelectual cando reflexiona que "cómpre solidarizarse cos valores e non só coas vítimas". Eminente forense, colaborador do FBI ou da OTAN, experto de referenza para a OMS. As súas análises, rigorosas e atrevidas, pivotan desde a dobre perspectiva social e xenética.

"Desta vez non o merecía". Teño escoitado esta frase coas suas variantes en máis dunha ocasión; grazas por debullar o seu significado, amigo Lorente. Grazas por ser unha persoa intelixente no emocional para proxectalo no social. Grazas por levantar a saba que acocha o sofremento silenciado pola cultura machista e que se significa na túa oposición á persoa como mercaduría cárnica prostituida. Como non, grazas por ser tan home.