Para moitos libreiros, bibliotecarios, profesores, críticos, e xornalistas, a Literatura galega é subalterna e menor, a respecto da Literatura Castelá. Por iso nas páxinas literarias dos periódicos as valoracións ou listas de obras máis vendidas soen distinguir entre varios xéneros para os libros en castelán mentres que en galego hai lista única. Grande número de librarías de Galicia teñen o seu fondo clasificado por xéneros literarios, pro non así os libros no noso idioma que están confinados no que no argot do ramo soen chamar "el mueble de gallego" (ou "de galego"); nel se encontran todos os libros escritos na nosa lingua desde guías de paxariños e cogumelos a poemas de Chus Pato ou Eduardo Pondal. Por que? porque para a mentalidade colonial dominante a nosa literatura é dialectal e autonómica e a verdadeira literatura nacional é a escrita na lingua oficial de todo o estado Español cuxa capital literaria é Miguel de Cervantes. Falando de argots profisionais, direilles que en case todos os centros de ensino de Galicia nas salas de profesores fálase de "lengua" cando se refiren na conversa á materia de Castelán e de "Gallego" ou "Galego" cando se trata da propia. Polo tanto, hai "Galego" e hai "Lengua". E o "Galego" non é a "lengua". Decátanse?

A Xunta de Galicia acaba de facer pública a creación duns Premios Nacionais de Cultura que eu aplaudo pero cuxa realización debe ser corrixida pois, tal como hoxe se presentan, amosan a mentalidade colonizada de que falamos pesia ao inequívoco adxectivo de Nacionais.

Establécese un único Premio Nacional de Literatura, naturalmente en galego, dotado con 15.000 euros. Como observarán, neste galardón entran todos os xéneros literarios. Ao parecer, para os ideólogos deste Premio Nacional a Literatura Galega carece de xéneros literarios, idea que seguramente comparten cos máis dos libreiros e directores de xornal. Polo contrario, nos Premios Nacionais de Literatura do goberno de España, destinados moi principalmente a galardoar obras en castelán e só accidentalmente nas restantes lingua co-oficiais dos territorios autonómicos españois, existe un Premio Nacional das Letras Españolas (40.000 Euro) e logo os de Poesía, Narrativa, Ensaio, Literatura Dramática, mellor traducción, traductor individual, Literatura Infantil e Xuvenil, Teatro, e ademáis Historia, cada un deles dotado con 20.000 Euro. A todo isto haberá que engadir o Premio Cervantes que ten o valor económico de 125.000 Euros, e que nin en teoría admite candidatos en linguas diferentes do castelán, cousa que non acontece co de Poesía Reina Sofía, tamén xenerosamente fornecido e dificilmente asequible para os poetas galegos.

Ou sexa, que segundo os cálculos de Alexandre Allegue, o Ministerio de Cultura gastará, no ano 2.008 uns 325.000 Euros en fomentar a literatura por xéneros e principalmente en castelán mentres que a Xunta de Galicia ofreceralle á literatura en galego un único premio de 15.000 Euro. Este é o concepto que das nosas Letras tén un goberno no que, precisamente en Cultura, existe unha presencia nacionalista, sequer non sexa independentista. Tal vez sexa esa a razón de tal desprezo gubernamental polas Letras Patria.

Como eu son optimista penso que a Xunta de Galicia, sexa na Consellaría de Cultura sexa no goberno en pleno, vai recapacitar e crear uns verdadeiros premios nacionais de literatura, incluído o Rosalía de Castro que non poderá estar dotado dun euro menos ca o Cervantes.