Pero, a ver: en que quedamos? Vai de pacifista ou leva da man á cabra da Lexión? Resulta ser carne ou, ben polo contrario, vai nadando polo mar abaixo talmente como unha troita de pé? Chámase Carme ou, mellor, atende por Chacón?": velaí as dúbidas mortais que, polo visto, confunden nestes días ás xentes "normales", de orde, inefables patriotas de garda de España no hay más que una y forza, forza Berlusconi.

E é que, desde logo, cómpre concordar en que súper ZP é que non dá puntada sen fío, o ghicho. Así, para desesperación dos "señores de provincias" e mariachis adunxtos/as, vén de executar, fiel ao seu inconfundible estilo, todo un novo e circense -e van cantos xa?- "más difícil todavía". Porque aí é nada ese escintilante postureo megaguay de colocar á frente do ministerio máis machote de todos os existestes e/ou por existir -polo menos, na retórica teoría- a toda unha señora dama que, para colmo dos colmos, está a nacha en "estado de buena esperanza": algo que non lle impide ordenar, con voz firme e aceno acorde, ao capitán de turno que poña firmes, ar! ás tropas a lle render os honores de ordenanza. En fin; que tal e como un día xa advertira o profeta Alfonso Guerra, a esta España é que non a coñece nin a nai que a pariu. Iso si, felizmente.

Andan, pois, talmente a bufar como cabalos, os (autoproclamados) patriotas. "Pero... onde se viu tal afrenta ás nosas gloriosas forzas armadas?" -braman desde as ondas radiofónicas e/ou as columnas de certos "papeis" da villa y corte-. Alporizadísimos como van, a ningún deles se lle pasou pola cabeza, seica, algo tan simple, e tan serio, como o que segue: un comandante, un coronel, un xeneral... non son senón cidadáns que forman parte da función pública. É dicir: nin máis nin menos que un enxeñeiro, un médico ou un profesor de instituto. Pois ben; do mesmo xeito que calquera dos casos citados acepta como algo perfectamente normal que sexa unha muller -embarazada ou non- quen estea á fronte do ministerio no cal desempeña o seu labor, por que ía ser diferente a actitude no caso dun militar de carreira? É que hai españois de primeira e españois de segunda? Non quedaramos de vez en que todos somos iguais diante da lei? E xa postos: por que ía facelo peor Dna. Carme Chacón que, poñamos por caso, D. José Bono ou D. Federico Trillo? Algún deles, ou dos seus antecesores, recuperou, seica, Gibraltar, Gibraltar, punta amada de todo español? Aínda ben que hai dabondo militares -militares patriotas, estes si- a desenvolver con absoluta profesionalidade a súa misión. Todos eles, por fortuna, moi para alén dos Antonio Burgos, Jiménez Losantos e demais coro de vicetiples zarzueleras made in "Las Corsarias."

Doutra parte, se toda a preocupación consiste na orixe catalá da nova ministra, sería bo acudirmos ás páxinas do "Diario de un testigo de la guerra de África", de P.A. Alarcón, para lermos parágrafos como: "... Luego que estuvieron las cuatro compañías de voluntarios, Prim se colocó en medio de ellas, y en idioma catalán, en aquel habla enérgica y expresiva que recuerda los romances heroicos de la poesía provenzal, les arengó del siguiente modo (...) ¡Todos comprendíamos en tal instante aquel idioma extraño; todos palpitábamos a compás con aquel corazón embravecido..." Como, sen dúbida, xa subliñaron moitos dos, sempre moi amables, lectores destas crónicas, Alarcón está a narrar a véspera da batalla de Tetuán (31-I-1860) na que as tropas españolas acadaron, por certo, unha célebre vitoria.

"Moi bonito, si señor, pero que moi bonito! -aínda retrucará, acaso, algún irreductible- Claro que xa me gustaría saber a min que opinaría de todo isto Franco, se erguese a cabeza..."

De certo que o xeneralísimo era moi seu, co cal mellor non botar a lingua a pacer. Non obstante, lembremos que, logo de negarse a comandar unha segunda revolta carlista, o xeneral Cabrera -outrora terrible "tigre del Maestrazgo"- veulle confesar ao seu paisano Prim (xa citado máis arriba) o seguinte: "Saps, Juanito? Cada dia em torne més liberal". E é que, xa o dixo o poeta, mudan os tempos, mudan as vontades. Rompan filas!