No primeiro tercio do século XX en Galicia agromaron iniciativas que deron pé ao fortalecemento de grupos de homes que forxaron a ilusión por recuperar os nosos sinais de identidade. As Irmandades das Fala, herdeiras doutras organizacións anteriores, finiseculares; o Seminario de Estudos Galegos, unha urdime de vontades e saberes; os grupos Ultreia, forxa dunha mocidade que se converterían, co paso do tempo, en rexos esteos da nosa cultura; a Xeración Nós, lúcida e activa, moi superior en valemento ás do 98 e 27 españolas, moito máis aberta ás correntes filosóficas que aquelas; un movemento agrario que suscitou nos emigrantes do continente americano o entusiasmo pola filantropia, creando escolas e sociedades para soergueren o nivel cultural dunha Galicia pobre e sometida a estruturas sociais e políticas abafantes.

Esa cachoeira de imaxinación e lucidez, formadora das grandes utopias galegas tivo no Balneario de Mondariz garimoso crisol e acubillo para que desde este pequeno concello saísen os proxectos máis incisivos da historia de Galicia. E todo iso grazas a Enrique Peinador, empresario, filántropo e mecenas. Castelao pintou os seus cegos por encargo de Don Enrique; Peña Novo, o artífice do proxecto dunha Galicia moderna, inserida nun mundo en trasnformación, atopou os medios para divulgar o seu ideal político autonomista, que chamou a "Mancomunidade Galega"; Valle Inclán, Said Armesto e Emilia Pardo Bazán, proxectaron una organización para a defensa do noso patrimonio material e inmaterial; os movementos agrarios celebraban nos seus salóns cónclaves para argallaren estratrexias que derrubaran o sistema dos foros; Castelao, Bóveda, Portela Valladares, Gómez Román...e unha pléiade de nacionalistas acudían ás instalacións do Balneario para debateren as propostas que logo terían como escenarios os pazos de Lestrove e Barrantes; Nóvoa Santos, na compaña de catedráticos da Facultade de Medica acudía cos seus alumnos, ora para estudar as propiedades dos tratamentos hidrolóxicos, ora para fundaren a primeira asociación para combater as enfermidades oncolóxicas. Eran recibidos con todo boato e solemnidade, mentres a Banda de Música das Augas interpretaba o Himno Galego, que agora a moitos se lles antolla impertinente. ¡Canta ilusión e saudade hai na historia do Balneario de Mondariz! A revista "Mondariz", que en 1927 tiraba 5000 exemplares é a testemuña do que acontecía naqueles anos.

Como Alcalde do Concello síntome afalagado por esa crónica inacabada que comezamos a reconstruír hai varios anos da man do "Foro Enrique Peinador". Co entusiasmo que sentimos polo noso pobo e as prospostas rigorosas destes amigos ímos recompoñer o Mondariz do Galeguismo, igual que Blanco Laxe fixo coas augas de Gándara e Troncoso. Vén a conto todo isto, despois de ler unha crónica escrita por Evaristo Correa Calderón no ano 1924 nos salóns artesonados deste Balneario do Galeguismo, na que describe con largueza migalleira a romaxe da Franqueira, impulsada co entusiasmo de Enrique Peinador e a musa poética de Ramón Cabanillas. Porque foi efectivamente o noso mecenas o responsable de que o noso "poeta da raza", que daquela desempeñaba o cargo de secretario do Concello e a dirección contable do balneario, escribira esa xoia da literatura galega, titulada "A Romaria da Franqueira" que agora, coa lembranza de Xosé María Álvarez Blázquez, nos trae aquela fermosa colección titulada "O Moucho". Agora, que estamos coma quen di nas vésperas das pascuillas da Franqueira, rememoramos aquel feito reconstrutor e animados polo espírito que o animou, intentaremos reeditalo.

Mondariz foi, como digo, fonte de augas para a saúde, pero tamén foino para o espírito galeguista. E isto é de xustiza recoñecelo e divulgalo. O Balneario de Mondariz foi o espazo xeográfico no que se escenificou a Galicia ideal. E ese mérito téno Enrique Peinador. Así o recoñecen as publicacións que se foron editando recentemente. Biografías, estudos sobre os diversos eventos celebrados nas súas estancias, artigos, xornadas de reflexión histórica...e para completar ese coñecemento, o profesor Xusto Beramendi vén de publicar unha obra determinante para historiar o movemento nacionalista galego. Por ela sabemos que Enrique Peinador foi un home decisivo nas estratexias do galeguismo da época; cando Portela Valladares, interesado en promover unha plataforma liberal-moderada, agraria e galeguista, promove o "Pacto de Barrantes", naquel momento, Peinador forma parte da comisión que participa nos debates xunto con Otero Pedrayo, Cuevillas e Castelao. Non será esta a única vez, porque en 1935 acudirá na compaña de Gómez Román e Xerardo Álvarez Gallego, representando ao Partido Galeguista, a unha reunión con Izquierda Republicana, comandada por Manuel Azaña, para conseguir que se aceptase o plebiscito do Estatuto de Autonomía. En abril do 1936 os xornais dan a noticia de que "a candidatura do Frente Popular triunfou en Pontevedra", sinalando como un dos compromisarios a Enrique Peinador, na lista na que tamén ían Bóveda e X. Álvarez Gallego.

Unha homenaxe e unha lembranza neste aniversario.¡Benzóns, don Enrique!

*Alcalde do Concello de

Mondariz-Balneario.