EN DIRECTO

Damas en apuros

 

XOSÉ MANUEL PEREIRO

Veño de recibir con poucos días de diferenza un par de misivas remitidas por señoras, e máis concretamente señoritas, na terminoloxía arcaica, contando dous dramas (cada unha o seu, non dous cada unha). As dúas descoñecidas (descoñecidas de verdade, aclaro sobre todo en beneficio da suspicacia sempre alerta da miña estimada sogra) e as dúas de fóra. Ou iso supoño. E cóntollo aquí para compartir a emoción que sentín ó recibilas, nestes tempos en que as únicas cartas que chegan ás caixas de correos son referencias a cartos que nunca vas ter na man anda que sexan teus, que hai que pagar ou que xa pagaches a xente que non coñeces de nada, amparados nun membrete.
A primeira e máis longa das misivas é de mademoiselle Eva Aka, con remite 01bp 431abidjan 01, Cote D'ivoire, que supoño é un apartado de correos de Costa de Marfil. Toda educada, Mlle. Aka pide escusas por usar ese medio (o correo electrónico, esquecín de precisar) para tratar "un asunto de tal envergadura", pero que o fai pola confidencialidade que ofrece. A señorita Aka ten 20 anos e a desgraza de ser orfa. Primeiro de pai, en circunstancias misteriorsas, e logo de nai, que faleceu catro meses despois de hipertensión arterial por non poder soportar a morte do seu esposo. Dentro do malo, o bo é que no leito de morte, Madame Aka lle entregou a súa filla Eva un documento bancario que acreditaba que o seu defunto pai lle deixaba 5.500.000 dólares. As penas con pan son menos, reflexionei, pero había máis penas ca pan en canto seguín lendo. A situación do país e as ameazas dos asasinos do seu pai, fixeron que a pobre rapaza tivera que refuxiarse nun hotel cun nome falso. En canto a cousa acougou algo, relata nun francés elegante á par que comprensible ata por min a miña correspondente, foi ó banco, unha decisión que tamén comprendo. Alí dixéronlle que si, que tiña ese saldo, pero que a conta estaba bloqueada por unhas firmes disposicións paternas. Xa se sabe como son os pais, e sobre todo os bancos, que cando vas meter diñeiro chámante "el imponente" e cando llelo levas cualifícante de "el interesado". O caso é que a única saída que lle deu o banqueiro de confianza da familia era transferir a pasta ó estranxeiro, ese tradicional sistema das clases dirixentes africanas.
E aquí aparecía eu. Eu ou calquera estranxeiro que asumira o papel de titor. "A miña vida está en xogo, e non teño nada e debo o hotel. A miña esperanza é atopar unha persoa honesta e sincera que me axude a saír desta situación. A vosa asistencia consiste en axudarme a transferir eses fondos", suplica, imaxino que velados os seus ollos de gacela mentres lle dá a tecla. En resumo, en canto eu (ou calquera outra persoa honesta, etc) reciba a transferencia, mándolle os cartos para pagar o hotel e a viaxe, e a cambio embolsareime o 15% da herdanza. 825.000 dólares, penso, que ser honesto e sincero non implica ser parvo. "Moitas grazas e que Deus vos axude a me axudar", remata Mlle. Aka ó máis requintado estilo da novela francesa do XIX. Se non fose que o que mandou foi un email, xa a vexo baixo un ventilador de aspas que non dá refrescado a calor que vén da selva inmediata, humedecendo coas súas bágoas a goma do sobre para pechalo.
A outra misiva é moito máis breve, e o drama que conta é máis habitual e menos novelesco. E esta: "Ultimamente vem acontecendo coisas muito estranha comigo, minha menstruação atrazou. Entao resolvi fazer um exame de sangue e deu positivo. Estou mandando junto com esse email o exame pra voce vêr [aquí o que parece ser o documento médico que hai que abrir]. Por favor estou precisando do seu apoio nesse momento, nao me abandone neste momento que eu mais preciso de você". Insisto en que non coñezo nin a mademoiselle Aka nin a senhora X (a esta moito menos aínda, querida sogra), pero moito me temo que xa sei porque me escolleron como destinatario. Como non piquei na chea de ofertas de viagra e alongamentos varios (desde hipotecas a órganos reprodutores) que antes me facían, quen manda estas cousas cambioume de categoría e pasoume á de cabaleiro amable e formal.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya