Apenas hai oitenta anos, o mar de Vigo estaba onde hoxe se asenta a parte baixa da poboación; se meditamos que a auga da ría é unha prolongación das nosas avenidas, unha ancha vía para as nosas comunicacións, un amplo estanque de beiras axardinadas; se prescindimos de caprichosas concepcións estáticas, e imaxinamos a cidade como un afanoso ser en fecundo movemento, entón comprenderemos que o mar de Vigo, atravesado constantemente polos que van e veñen do traballo, animado nas súas marxes pola nota humana bulideira de cantos buscan alí vigor e solaz; que este mar, en fin, acougado e propicio coma unha inmensa praza, forma parte sustancial da cidade e é tan Vigo e tan noso como pode ser a Porta do Sol. É dicir, que a porción da biosfera que nos toca, non remata nos peiraos, senón que se prolonga sobre as augas, cara a todos os pobos da ría, forxando unha cabal unidade económico-social."

Este texto de defensa da Ría, como corazón da cidade metropolitana viguesa, foi escrito en 1960 por don Xosé María Álvarez Blázquez, como parte do limiar do seu extraordinario libro "A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo". Transcorridos case cincuenta anos, as súas palabras non perderon actualidade ningunha, sobre todo cando o debate cidadán volve xirar arredor dos plans da Autoridade Portuaria para modificar os límites da nosa beiramar metropolitana en 230.000 m2, ampliando os recheos de Bouzas, Berbés, Areal e acometendo un novo en Cabanas, preto do xacemento arqueolóxico dos pecios de Rande. E a verdade que este debate non é novo xa que a pesar de que, como anticipaba don Xosé María, a Ría é un patrimonio único e riquísimo que a humanidade puxo ao noso coidado, os vigueses levámolo empedrando (máis, recentemente, formigonando) teimosamente, dende hai cento sesenta anos, co único obxectivo de ampliar as instalacións (que xa abranguen 10 km) do noso porto punxente. Desque en 1857 se iniciaron as obras do Malecón, a ampliación constante dos peiraos e a ansia desmesurada da Xunta de Obras do Porto (creada en 1880) de gañarlle terreo ao mar foron motivos de polémica que non demos nunca por pechada.

Ao pequeno peirao de pedra, fronte ao baluarte militar da Laxe, sucedeu o peirao comercial de madeira, inaugurado en 1875; despois construiríase o de ferro, desbotando o proxecto do enxeñeiro Melitón Martín, que propoñía, xa en 1881, a instalación do peirao comercial en Coia, fronte o outeiro de san Gregorio. Esta solución, defendida polo deputado progresista Eduardo Chao, incluía a chegada ata o porto do ferrocarril, bordeando a parte alta da cidade e salvando o monte do Castro por medio dun túnel. A alternativa Melitón-Chao foi derrotada polos intereses dos conserveiros asentados na zona de Areal que presionaron para ubicalo diante das súas instalacións. Desaparecería así a enorme praia do Areal, onde se ubicaba a Fonte do Galo, e frustrábase, como sinala o profesor Xosé Manuel Souto en "Vigo, cen anos de historia urbana" (Xerais 1990), a posibilidade dunha expansión litoral da cidade cara o occidente e a creación dunha infraestrutura ferroviaria intraurbana. Se tivese triunfado a alternativa de Chao, quizais contariamos hoxe cunha praia urbana, semellante a que posúen Donosti, Santander ou A Coruña, iso si, diante dunha inigualable liña do ceo modernista.

A solución do enxeñeiro Eduardo Cabello, aprobada en 1913, supuxo a definitiva consolidación do porto comercial na zona do Areal, o que impediu o desenvolvemento da cidade a carón do mar. Foron os armadores os que promoveron a transformación da liña litoral entre o Berbés e Bouzas, que supuxo o recheo do corredor de Beiramar e a desaparición das praias de san Francisco e san Sebastián, onde aínda se bañaron as nosas avoas, e no mesmo lugar onde agora queremos levantar o Auditorio, emblema do novo Vigo do século XXI. Nos anos trinta do século pasado iniciouse a construción do grande peirao transatlántico e da Estación Marítima, inaugurada en 1959. Nos oitenta, a nova ampliación portuaria xustificouse pola crecente demanda de tráfico de contedores, asociado ao desenvolvemento magnífico da factoría de Citroën. Un recheo xigantesco de dous millóns de metros cuadrados, no que se ubicaron numerosas naves industriais, non todas vinculadas directamente co sector portuario, pesqueiro ou naval, que oculta, dende entón, o valor patrimonial do barrio pesqueiro de Bouzas,.

Ao longo deste século e medio de aterramento desapiadado da Ría, nunca se valorou o reordenamento e racionalización dos espazos portuarios como a primeira alternativa para darlle solución as necesidades de desenvolvemento do porto e ao dereito dos cidadáns a gozar dos seus espazos. Esta debería ser a premisa para afrontar con amplitude de miras o novo debate que os vigueses temos por diante.

bretemas@gmail.com