EN DIRECTO:

Sen botox non hai paraíso

 

Xosé Ramón Pena

Segundo explica cumpridamente a, máis que coñecida, brincadeira -algúns obxectarán, se cadra, que se trata dunha argallada un tanto xenófoba, chauvinista; aínda que este modesto cronista entende, sinceramente, que tampouco a cousa sexa para tanto e, en calquera caso, que vaia xa aquí e agora en xustísimo pago polas risas que Quino nos fixo botar coa personaxe do Manolito (Manuel Goreiro, xa saben) da moi imprescindible Mafalda- segundo anota, digo/escribo, a laretada, "o mellor negocio que se pode facer nesta vida consiste en comprar un arxentino polo que vale e vendelo, despois, polo que el estima que vale". Iso afirma, xa que logo o conto. E non lles digo a Vdes. nada se, por máis sinais, o "pibe" en cuestión atende por Jorge Valdano ou, mellor/peor aínda, por Luis Aguilé y corbata.
Pero, claro; esas cousas sábemolas desta parte do océano; é dicir, a pesar de ZP e mais das alianzas, bonanzas, trapandanzas... de civilizacións, tropezóns, rebaixas de ocasións. Traducido: que se non somos tan sequera capaces de nos conceder excesivo creto a nós mesmos... por que clase de tranvía cabe agardar, entón? Non obstante, decididísimos como están os yankees por todo aquilo que leve a inmaculada marca do "politicamente correcto", en Hollywood, oiga, nin pajolera idea. Que non se enteran, vaia.
E velaí, xa que logo, como é que o tal Dr. Daniel Tomás Fuente -o de doutor, nin que dicir ten, configura unha pura licenza poética- foi capaz de engaiolar, embelecar, embeber e, ao cabo, transformalas en bonecas de verbena e tiro de pichón a unhas cantas representantes do glamouroso star-system dos todopoderosísimos Usa. Priscilla Presley, -desde logo, seguindo os pasos do seu ilustre esposo cando este se converteu no saltimbanqui de Las Vegas- Shawn King, a escintilante, rutilante esposa do hiperbólico Larry King: velaí dúas das vítimas do (suposto) galeno porteño. Claro que, a pouco que se lle bote unha ollada a outras coñecidas damas do famoseo, a lista pode mesmo non ter fin.
Como, sen dúbida, coñecen dabondo todos Vdes., o método non podía ser máis simple. Tendo en conta que as tales estrelas van talmente como motos por Hollywoord e L.A. adiante, o (pretendido) Dr. Fuente chegou á sabia conclusión de que o mellor para elas -é dicir, para manteren semellante ritmo vital- non podía ser outro que ese mesmo de lles inxectar lubricante de motores. Prometendo uns resultados espectaculares mediante un produto que vendía como algo moitísimo máis inocuo que o célebre Botox, Daniel Tomás Fuente fixo o seu agosto -e o seu setembro, outubro...- con cargo ás humanas vaidades e pánicos a circularen polo sur de California e arrabaldes adxuntos.
Que lle queren? Cantas veces foi que nos embarcamos os seres humanos na procura do manancial, das fontes da eterna mocidade? Quen non sentiu algunha vez certas cóxegas -cal se se tratase dun/dunha Fausto/Fausta- diante da posibilidade de venderlle a súa alma a un Mefistófeles ad hoc? Como fuxir, sen máis, perante desoutro feitizo do retrato dun Dorian Gray, sen pasado e sen bandeira?
Así as cousas, unha lenda urbana apunta, por exemplo, a que as Súas Satánicas Maxestades andan a cambiar o sangue todos os meses nunha secretísima/privadísima clínica suíza (se ben que Charlie Watts semelle durmir, máis ben, na sección exipcia do Museo Británico) mentres que outra fantasía -ou nin tanto, ao mellor!- indica que a corrupción italiana ten o seu punto culminante nesas extraordinarias partidas, débedas millonarias, gastos indeclarables... que Silvio Berlusconi acumulou diante dos maquilladores e estilistas que ocupan horas e horas do seu devir cotián. En fin; veremos en que quedan esoutro presuposto de Monsieur Sarkozy na consulta de certo especialista en alongamento de... de perna, -un pouco baixote, o presidente, c´est pas vrai?- quero dicir.
Segundo certa serie de moda, sen tetas non hai paraíso. Pois anda que sen Botox...!

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya