A xulgar polo que nos deixou escrito Herodoto (séc. V a.C.) o mundo medía o tempo polas festas. Dicía que non había ningunha comunidade humana que non tivese algún tipo de actividade festiva. En Galicia as festas de advocación relixiosa son tantas como parroquias temos. Santos avogosos para tódolos males e andazos.Uns máis e outros menos. Mesmo establecendo competencias na concesión dos milagres. O refraneiro popular así nolo afirma: "Dezasete de xaneiro, santo Antonio verdadeiro; día trece de san Xoán, santo Antonio mentirán". Por mor destas rifas, da emerxencia da sociedade laica e, sobre todo, polos avances da ciencia, que puxo remedio a tantas enfermidades noutrora atribuida ás bondades dos intermediarios divinos, minguaron os devotos e as crenzas nos poderes sobrenaturais dos santos, pero non desapareceron as festas. Pola contra, multiplicáronse. Agora háinas con carácter gastronómico, de reivindicación histórica e mesmo con evidentes connotacións políticas e sindicais.

As festas en Galicia constitúen un referente na vida social dos galegos. O profano e o relixioso mestúranse conformando un modelo de entender a convivencia e a necesidade de ofertar espazos de lecer. Son tantas que calculamos que a súa programación excede o número de nove mil. É moi doado de botar as contas porque as máis das parroquias celebran ao ano dúas festas. Para atender esta demanda hai en Galicia unha amplísima oferta de grupos musicais das máis variadas especies. Arredor de 300 millóns de euros se invisten nestas programacións festivas. Estas achegas económicas non sempre contribúen a potenciar os nosos sinais de identidade. Pola contra, por mor dos efectos perniciosos da globalidades, os programas non respectan as singularidades territoriais e os elementos que as integran. Tamén a falta de imaxinación das comisións organizadoras combinada co desleixo dos axentes artísticos, fan que os programas sen ningún atractivo sexan calcos uns dos outros.

Os poderes públicos están obrigados por mandato legal (Estatuto de Autonomía e Lei de Normalización Lingüística) a promoveren e fomentaren o uso da lingua galega en tódalas ordes da vida social, cultural e económica, debendo ser elas as primeiras en daren exemplos nas programacións propias para mellor orientación das comisións organizadoras dos festexos parroquiais. Outras normas legais de fomento das tradicións culturais obrigan ás institucións a arbitraren medidas proteccionistas para evitar que o patrimonio material e inmaterial sexa maltratado e arrombado provocando o esquecemento e a indiferenza cunha cultura de tan acusada personalidade como é a galega.

As festas de carácter municipal deberan enfatizar a reivindicación do propio nas súas programacións acentuando o afán pedagóxico para orientación das parroquiais. Outra solución sería que os concellos elaborasen un rigoroso estudo feito por etnógrafos, historiadores, antropólogo...conformando un catálogo de referencias para poñer en valor a identidade cultural das parroquias nas programacións festivas.

O Parlamento de Galicia aprobou en 2004 o Plan Xeral de Normalización Lingüística, no que se recollen moitas das iniciativas expostas xa hai anos polo Concello de Redondela para galeguizar as festas populares. Desta volta, co aval deste acordo parlamentario, o Concello, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a TVG, volven facer un chamamento a tódolos concellos galegos para levar a cabo unha serie de medidas que incidan na recuperación das nosas tradicións e que estas se insiran nas programacións, co debido respecto á nosa toponimia , aos nosos símbolos (bandeira e himno), fomento do uso da lingua galega en tódalas actividades festivas e relixiosas, no repertorio musical das orquestras, e propiciando a exaltación da identidade territorial, que preserven o noso acervo cultural.

Para tal fin foron convocados tódolos rexedores municipais galegos a unha asemblea que terá lugar o próximo día 4 en Redondela. É de agardar que a sensibilidade cultural dos nosos representantes populares nos concellos se faga manifesta na Declaración Conxunta que asinarán para definiren unha política lingüística que incentive a galeguización de Galicia.