Joaquín Gil Armada (1907-1991) considerábase a si mesmo un escultor afeccionado. Uns anos antes de morrer recibiu no pazo de Fefiñáns ó xornalista Benito Leiro Conde e confesáballe que "para ser escultor hai que traballar con empeño desde a mañá á noite, como facía Asorey".

Sen embargo, case dúas décadas despois, a súa creación artística merece unha revisión. Os seus fillos custodian no propio pazo medio cento de figuras e esculturas, tristemente descoñecidas pola maior parte dos veciños de Cambados.

Joaquín Gil Armada foi un gran artista. Tiña unha prodixiosa memoria, que lle permitía reproducir na soidade do seu taller os máis mínimos detalles dun rostro visto na rúa durante uns poucos segundos varias horas antes.

Tamén era un bo costumbrista, e sabía caracterizar a un personaxe simplemente coa súa postura corporal ou cun aceno da cara. Apartado dos círculos artísticos por vontade propia -só expuxo dúas veces, unha no Casino de Santiago, en 1968, e outra no Gran Hotel da Toxa, en 1972- á súa morte a maior parte do seu legado escultórico ficou confinado no pazo, na habitación que usara como taller, discretamente calado.

Discípulo de Asorey

Joaquín Gil Armada estudiou na escola de artes e oficios Mestre Mateo de Santiago -onde tamén cursou escultura a súa dona, Marisa de la Peña, que posteriormente se adicaría á poesía- e foi discípulo de Francisco Asorey, que por aquel entón traballaba en Santiago.

Esa estadía na capital de Galicia foi unha inesgotable fonte de inspiración para Gil Armada. Retratou en xeso ou en barro a ducias de personaxes da sociedade compostelana, como os doutores Pena ou Puente Castro. Tamén foi sonadísima a súa colección de cóengos da Catedral, que actualmente está en mans dun amigo dos propietarios de Fefiñáns.

Ó parecer, alguén dixo de Joaquín Gil Armada que era "o Castelao da escultura" debido ó humor que destilan esas peculiares figuriñas, de pequeno tamaño, coas que representou a ducias de personaxes, como Otero Pedrayo, Cotarelo Valledor, Cunqueiro, Camilo José Cela, ou mesmo Jimmy Carter e Breznev, que acarrexa unha pancarta coa foto de Karl Marx.

Pero ó longo da súa vida artística traballou outros materiais, como a madeira e a pedra, e tamén outros personaxes. Fixo esculturas de moitos dos seus familiares e tamén representou a moitas persoas humildes dos arredores de Cambados.

"A súa é unha escultura moi literaria, que afonda na psicoloxía dos personaxes", comenta unha das súas fillas, Marisa Gil de la Peña. Outra das súas fillas, Consuelo -tamén escultura- definiu a seu pai como "un gran observador, cunha sensibilidade especial".

O que si pode ver o público en xeral de Gil Armada é o pequeno relevo de Asorey que se atopa na base da réplica da "Naiciña", un monumento de homenaxe situado no centro da vila.

Unha merecida homenaxe

A maior parte das esculturas e figuras de Gil Armada gárdanse actualmente no que fora o seu taller, e que sigue empregando a súa filla Consuelo Gil de la Peña. Pero este, pese ó seu innegable valor sentimental, non é o lugar máis adecuado para conservar este legado, debido á humidade e ás súas reducidas dimensións.

Os descendentes de Joaquín Gil Armada son perfectamente conscientes diso, e queren trasladar as pezas a outro lugar da casa, unha vez rematen unhas obras que están facendo.

Os irmáns Marisa, Joaquín, Ángela e Consuelo están decididos a conservar a obra escultórica do seu pai e, na medida do posible, a que sexa coñecida entre o gran público.

Mentres chega o momento de sacala á luz pública, Consuelo Gil está intentando catalogar todas as pezas e estalle facendo uns moldes a uns diminutos bustos que o seu pai lle adicou a algúns dos compositores máis relevantes da música clásica.

Pero a colaboración das administracións públicas é imprescindible para levar a bo porto unha empresa deste tipo: fai falta o concurso de expertos en rehabilitación e conservación, porque algunhas esculturas están danadas, e tamén sería desexable algunha subvención para a creación, se se quere, dunha sala de exposicións digna e estable. Sen dúbida o merece, e non se pode obviar a enorme tradicións escultórica que hai en Cambados, coas figuras de Asorey, de Narciso Pérez -malogrado en plena xuventude-, Francisco Leiro ou Manolo Paz.

Ideas sobre cultura, turismo e enoloxía

Joaquín Gil Armada foi un home adiantado ó seu tempo. A finais dos anos oitenta, cando as mancomunidades de concellos eran bebés, xa propuxo a creación dunha gran biblioteca comarcal, na que poder ler as obras dos nosos escritores e os libros adicados ó Salnés.

Tamén era partidario de atraer máis turistas mediante unha ruta do viño e outra sobre Valle Inclán, nunha época na que o único turismo que se coñecía na comarca era o de praia.

Ducias de políticos, aristócratas e intelectuais visitaron durante anos Fefiñáns, atraídos pola conversa amena e engaiolante de Gil Armada, que tamén era un gran coñecedor do albariño.

Dicía que este viño había que cultivalo en terreos pedregosos, con parras do país e encerralo en adegas de pedra. "Hai que mimalo e deixar que siga o seu proceso natural, criándoo conforme a criterios científicos, filosóficos e poéticos; porque a savia na parra e o viño na adega tamén vibran e se estremecen como un ser vivo", contoulle a Benito Leiro.

Para Gil Armada o albariño era "o mellor viño branco de Europa" e consideraba que era necesario investigar arreo para mellorar as produccións. Neste sentido, propuxo a creación dunha granxa experimental -algo similar probablemente á estación enolóxica de Leiro, en Ribadumia- e mesmo chegou a ofrecer a súa finca de Tremoedo para levala a cabo.

Outra das facetas definitorias da personalidade deste home excepcional era a súa aposta pola formación como vehículo para mellorar a sociedade. Neste sentido, entre os anos sesenta e setenta do século pasado fixo numerosas xestións para conseguir que Cambados contase cun instituto. Os seus desvelos cristalizaron coa creación do Ramón Cabanillas, aínda que a súa ubicación, xusto por detás do pazo, lle acabaría reportando un serio disgusto e as agres -e inmerecidas- críticas dalgúns veciños.

Pero por enriba de todo isto, Joaquín Gil Armada, que se definía como "humanista e liberal" foi unha persoa moi bondadosa e leal. E así o lembran as súas fillas.