Estimado e sacrificado compañeiro: non quería rematar o ano, non sen antes felicitarte polo teu novo posto de traballo; deixas o tan controvertido mundo hospitalario e instalaste nun centro de saúde, elixido a carta: de manás, preto da túa casa, soleado e a poder ser con vistas ao mar.

Sempre estiveches piando por obter unha praza en atención primaria. Daquela moito nos criticaches: que se eramos uns privilexiados, que non rascabamos bola, que se non tiñamos idea do que eran certas técnicas de enfermería, que se para ser un bo enfermeiro había que pasar por un hospital. ¡Cómo nos tes posto compañeiro! Supoño que agora ti, ubicado nun centro de saúde, xa non serás un privilexiado, traballarás dabondo e consideraraste enfermeiro de primeira por vir dun hospital. Sabes que xa temos discutido todo isto e que a imaxe que tes de primaria non se asemella en nada ao que ti pensas. Non nos consideramos nin os mellores nin os peores enfermeiros do mundo, simplemente somos distintos porque desempeñamos traballos distintos pero non técnicas distintas. É máis, moitas veces nos centros de saúde, columpiámonos sen rede pois temos que resolver situacións sen carros de parada, sen monitores, sen equipos adecuados para tal o cal ocasión. Facémolo a pelo e non nos poñemos medallas. Coller unha vía, poñer unha sonda nasogástrica, vesical ou desfibrilar unha recén parada cardiorespiratoria non é exclusivo da enfermería hospitalaria. Outra cousa moi distinta é que non soportedes os horarios aos que estades sometidos, turnicidade, festivos, domingos, etcétera, pero iso non xustifica que na vosa amargura despotriquedes contra nós polo mero feito de traballaren nun centro de saúde. Uns foron elixidos aleatoriamente e outros obrigados ata o día de hoxe. Foron moitos anos en primaria, quizais demasiados, para que agora veñan, despois de quince ou vinte anos, e nos agradezan os servizos prestados cunha patada no cu.

Mira senón os sindicatos médicos, que nas súas negociacións conseguen que os seus afiliados con máis de oito anos de antiguedade e que no aprobaron a OPE, permanezan na súa praza; o mesmo lles ocorre algúns PSX. ¿Por qué saen todas as prazas de enfermería? ¿Onde foi parar a promoción interna? Non sei se te lembras, ao mellor non porque non che convén, que fai aproximadamente sete anos o Sergas ofertou unhas prazas para centros de saúde, ¿qué pasou?, ¿non che interesaron daquela? Refréscote a memoria porque ti e moitos coma ti as rexeitastes porque non sabiades nin o nome nin o código da praza. Nestas, os sindicatos as serviron en bandexa: nome, apelidos e teléfono de contacto. En primaria os afiliados non lle deberon de pagar a cuíta o ano en cuestión.

Só me queda engadir, compañeiro, que non menospreces o traballo dos centros de saúde; dispoñemos de mellor calidade de vida pero non de menor traballo. A vosa antiguedade arrasou o bo traballo que ata agora se viña facendo nos centros de atención primaria; espero e desexo que cando se asome pola porta dun hospital un enfermeiro de primaria, non o vexades por enriba do ombro e lle apriquen o mesmo tratamento e a mesma vara de medir. O novo destino dentro do hospital ten que estar en consonancia coa súa antiguedade. Destino a carta, coma vos. Mentres tanto, seguirei soñando que algún día a solidariedade en enfermería desperte de estado de coma no que aínda se atopa.

Non te molesto máis e disfruta dese balneario ó que te incorporas, que é a versión hospitalaria dos centros de saúde.

Antonio Docampo Millán - Pontevedra