O motivo destas liñas non é outro que facer pública unha situación vivida no concello de Nigrán o pasado día 23 de setembro.

Nesa data presenteime a un proceso selectivo, xunto con outras doce persoas, para cubrir unha praza de coordinador dun curso que se ía impartir no Concello.

O de menos é a praza, a cuestión foi o pouco respecto que se nos mostrou. Tratábase de superar unha entrevista individual que tería que facernos un tribunal composto por tres persoas, unha delas o concelleiro de Persoal, Eduardo Misa, en calidade de presidente.

Estabamos convocados para as nove da mañá, pero este home non aparecía, e despois de esperalo máis de hora e media, tempo durante o cal ninguén foi quen de localizado, decidimos marchar. Uns intres antes de irnos conseguiron falar co concelleiro, quen se excusou dicindo que tivera un problema persoal grande e emprazándonos para o luns seguinte.

Imos aplica-lo sentido común; se tivera un problema e sabía que ía chegar tarde: ¿Por que non chamou ao concello para facérnolo saber? O mellor é que non tiña tal eventualidde, quizais só foi un retraso na hora de chegada ao seu posto de traballo.

Aínda hai certos políticos que non se decataron de que a política é unha actividade de servizo público.

Aínda falta ética no exercicio da política.

Mónica Rodríguez González - Mos