Pechou a Cervantes de Vigo, co cal marcha pró inferno unha libraría da miña mocedade. Ser ter sido nunca innovadora e de avanzada, tiña unha estancia ao fondo onde estaba todo o publicado en España xa que até os anos sesenta elo era abarcábel para un libreiro medio ou mesmo pequeno. Na Cervantes formouse de rapaz Fernando Meana, o grande libreiro da miña xeración en Vigo. Hai uns días Manuel Bragado, un editor e autor que ama o oficio de libreiro, facíalle elexía á Cervantes e, de camiño, a todas as librarías de Vigo que el viu desaparecer e a outras das que lle falaron, como a Barrientos que, por parte, editaba con M.L. Estefanía a primeira xeira da Colección Rodeo (Editorial Cies, e precisamente en Vigo).

E tamén botou o fecho a Galí da Rúa Nova compostelá editora ademais da Guía de Galicia de Otero, do Picadillo e de La Casa de la Troya, coa particularidade de ter aberto as súas portas nos días nos que se supón que trascorre a acción da famosa novela de estudantes. Coido que a libraría de Galí debeu de abrir as súas portas durante a II República ou se cadra so o breve reinado de Amedeo de Saboia. Neste caso foi Salvador García-Bodaño o que chamou a nosa atención sobre tan lamentábel encerramento. Vanse as librerías históricas de Galicia e a opinión pública e a política cultural debate sobre o Monte Gaiás. A Libraría Galí de Santiago estaba considerada a Decana de España, e hoxe os seus locais destínanse á venda de chintófanos e souvenirs para os pelegríns. Incluído "orujo gallego".

Manuel Rivas, sempre tan atento á tradición de esquerda da Coruña, maiormente, e digo maiormente facendo uso de todo o volume semántico do adverbio, na súa magnífica última novela, fíxolle o pranto fúnebre á Colón. Relembra Rivas que a libraría Colón fora fundada en 1935 e que nela traballara Julián Grimau, quen moitos anos máis tarde había de ser torturado até a morte pola Brigada Político-Social franquista. Naqueles anos sesenta Fraga Iribarne brillou perante a opinión pública mundial como apoloxista e defensor público daquel crime horroroso e teño entendito que o pasado non o atormenta cos remorsos disto nin cos remorsos de nada do que fixo e alentou desde os subterráneos do poder escuro. É fama que Julián Grimau, sendo xa parte do CC do PCE, soía comentarlle a Ramón de Valenzuela Otero que el, o autor d´O Naranxo, non era o único que pasara do nacionalismo galego ou comunismo. Julián Grimau parece que estaba moi orgulloso de ter pertencido á ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma), con Casares e con Antón Villar Ponte, nos días coruñeses en que estivera empregado na Libraría Colón da Rúa Real. Poucas xentes saben, por cima, que a Colón era propiedade da editorial Hachette de París que tantas veces cambiou de man desde os anos trinta a hoxe mentres a súa sucursal coruñesa permanecía incólume. Tal vez esa procedencia trasnacional convertiu durante moitos anos a Libraría Colón da Rúa Real da Coruña no mellor centro posíbel de difusión de prensa internacional.

A cultura dunha sociedade mídese tamén coa indiferencia con que permite que as librarías históricas, e outros comercios venerabeis, desaparezan. Polo menos cábenos o consolo de que algunhas plumas galegas se sentiron feridas polas desaparición das librarías Cervantes, Galí, Colón.