Foi o creador dun dos libros máis lidos e traducidos da lingua galega e é un dos iconos actuais da literatura que une aos grandes clásicos que foron xentes como Luis Seoane ou Blanco Amor coas correntes actuais. O seu nome é Neira Vilas e será o protagonista dunha máis que merecida homenaxe que lle tributará a Asociación de Libreiros de Pontevedra e todo o pobo de Cambados.

O motivo da homenaxe ao creador de Memorias dun neno labrego na vila do albariño obedece a que Neira Vilas é un gran coñecedor e estudoso da obra doutro ilustre da literatura galega: Ramón Cabanillas. Na homenaxe non estará só, xa que tamén recibirá o mesmo recoñecemento a súa muller Anisia Miranda que, xunto ao seu marido, ten un amplo currículo literario.

Lectura textos

A homenaxe comezará o sábado ás 19,45 horas no auditorio municipal de Cambados, onde alumnos de varios colexios e institutos da comarca de O Salnés lerán textos dalgunhas das obras. Despois chegará o turno para a charla sobre a súa vida que será impartida polo seu compañeiro na Real Academia Galega, Francisco Fernández Rei, e polo escritor Ramón Caride. Antes da actuación do orfeón e os gaiteiros de Treixadura haberá tempo para que o propio Neira Vilas diserte sobre Cabanillas, Cambados e os cambadeses que coñeceu na emigración galega, primeiro na Arxentina e logo en Cuba. A entrada ao acto será totalmente libre para todos os que queiran participar.

O domingo está previsto que realice un pequeno paseo por Cambados e visite, sobre todo, a casa museo dun dos escritores que Neira Vilas máis admirou e do que recolleu moitos datos, especialmente da pegada que deixou Cabanillas na súa viaxe a Cuba.