Non era un público de sempre, os das verbenas e salas de festa, nin había un palco con luminaria de cores e gran megafonía, nin foguetes, nin levaba o seu sombreiro de cowboy, nin había o arrecendo a aceite fritido de churros e mazás de caramelo e rosquilleiras, era unha sinxela sala do asilo de anciáns de Pontevedra, ateigado de vellos e velliñas dos nosos, de pelo branco coma folerpas de neve, peiteados para a festa cos mellores traxes, cun sorriso nos beizos e nas enrugadas meixelas e os ollos acendidos de ilusión. E alí, nun improvisado escenario, o seu ídolo actuando co seu "Ladys and gentelmen" de sempre con menos voz pero a mesma ilusión e profesionalidade "Jhon Balan", o home orquestra.

Balan é unha personaxe entrañábel e singular dunha época difícil que logrou coa súa teimosía o que todos anhelamos, non medrar nunca, vivir a vida que quixo coa ilusión dun neno, un artista polifacético e peculiar, cheo de vontade e tenrura, dos que teñen a súa patria no ceo e o mundo nun escenario. Daba igual que fose nun palco de calquera verbena, nun gran teatro ou nun trolebús, cunha porta, con moito ou pouco público. El só era unha orquestra e enchía o escenario. No seu tempo polo seu xeito de ser nunca foi valorado nin tido en conta, agora, no seu declive, decatámonos que quizais fomos inxustos cun grande artista que foi pioneiro do que hoxe coñecemos como un showman.

Eu estou cos que pensan que seis mil mortos é un prezo demasiado elevado que teñen que pagar de peaxe os que veñen nas pateras, por chegar a unha utopía dun paraíso que na maioría dos casos se o logran acadar consiste nunha manta tirada nunha beirarrúa dunha cidade globalizada con axóuxeres de cores e gorros; cos que aínda cren nos Reis Magos e Papá Noel, e a ilusión de atopar un agasallo a carón dunha árbore de Nadal de plástico; cos que recitan poesía nunha rúa ateigada de xente. E por iso pido o premio "Cidade de Pontevedra", para un ilusionista, un seductor como "Jhon Balan", por ser capaz de arrincar un sorriso á soidade, aínda que sexa nun asilo de anciáns.

Antón Roel Villanueva - Pontevedra