O investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo, dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Xosé Antonio Padín, é experto no cambio climático no mexillón e responsable dos proxectos Mytiga e Arios. A finais do mes pasado Padín explicou no marco da conferencia O valor do mexillón en Galicia e os seus retos futuros, organizada pola Organización de Productores de Mexillón de Galicia (Opmega), o que se sabe sobre a adaptabilidade da especie.

-Por que xorden os proxectos Mytiga e Arios?

-Nacen do interés do sector que cultiva mexillón, que notou nos últimos anos unha serie de cambios. No Instituto de Investigacións Mariñas decidimos abordar o problema a través do proxecto Mytiga, no que analizamos as series históricas dos datos de diferentes institucións nas Rías Baixas e comezamos co mexillón un monitoring en bateas ao longo do ciclo de cultivo para estudar os parámetros propios da súa produción, como o rendemento da gónada, a fortaleza de fixación ou a epifauna coa que comparte espazo.

-Afecta o cambio climático á produción de mexillón?

-O cambio climático é un termo que manexo varias veces ao longo do día e creo que non se emprega con precisión. A constante climática non existe no sistema terrestre: o clima cambia sempre. O que analizamos é o impacto do home sobre este clima, neste caso relacionado coas emisións de CO2. Que supón para as rías, que cambios están relacionados co cambio? Pois un incremento da temperatura de aproximadamente tres décimas de grao por década. Vencellada co mexillón hai unha pauta na que notamos variación, que é a relaxación dos ventos do norte, o que provoca unha fertilización das nosas rías moito menor. O vento do norte favorece que entren augas moito máis profundas e frías, pero ao mesmo tempo moito máis ricas en nutrientes. Este fenómeno oceanográfico é o principal responsable da fertilización das nosas rías e tamén se ve que se atenúa nas últimas décadas, tanto en intensidade, na que perdeu un 50%, como ao longo do tempo.

-Que conleva iso?

-A menor fertilización, será máis pobre a produción primaria das nosas augas. Esta menor renovación da auga nas rías por outra máis profunda produce un cambio dentro da comunidade fitoplanctónica. O noso plancto componse principalmente por dous tipos de fitoplancto: as diatomeas, que son as células gordas que lles gustan aos nosos mexillóns pero que carecen de capacidade natatoria, e os dinoflaxelados, que son os causantes dos peches por mareas vermellas e teñen capacidade natatoria. Nun ambiente turbulento, unha alga como a diatomea, sen capacidade para nadar, atopa fácilmente unha situación de luz, e inmediatamente vai ao fondo impulsada polas correntes para coller nutrientes. Pero a medida que o tempo de renovación nas augas da ría é maior, nun escenario como o das últimas décadas, van estar moito máis estratificadas e as augas nas que medrará o fitoplancto van ser favorables aos dinoflaxelados. Cos anos observáronse máis periodos de peches por toxinas.

-Como afectan ao mexillón?

-Os peches en si non lle afectan. É unha medida administrativa por un problema de consumo humano, pero pode seguir engordando. A nivel de produción, segundo o tempo que tes pechada a extracción dunha batea, corres máis risco dunha situación tormentosa, por exemplo, que provoque o desprendemento e a perda do mexillón.

-Como afecta a aparición de novas especies en augas galegas?

-No proxecto Arios detectamos o aumento da presencia de anémonas da illa de Arousa cara fóra; no interior da ría, onde hai máis porcentaxe de auga doce, non atopamos anémonas. Isto xera un problema para o mexillón á hora de agarrarse á corda co biso, que se compón de 20-30 filamentos, porque busca superficies químicamente favorables á adhesión con eses pelos e, se convive con anémonas, que botan unha secreción mucosa, xera menos biso. Cando bota o pé para ir tocando, as anémonas, ao ser urticantes, dificultan a creación dese biso. Se temos maiores episodios de peche e con situación de anémonas, complícase a producción propia da batea, pero con todo 2017 foi un dos anos máis produtivos do sector.

-O cambio climático pode afectar tamén ao tamaño ou calidade do produto?

-Non, niso non se detecta ningún tipo de cambio significativo.

-O proxecto Arios é recente.

-Si, continuou e retomou o Mytiga, incorporouse persoal novo. Obsérvase que o mexillón ten unha gran capacidade para enfrontarse aos cambios ambientais, é unha especie que vive colgada dunha corda no intermareal, un espazo no que pasa de estar cuberto de auga a seco, de ter unha temperatura de 14 grados a estar en plena insolación nos meses de verán? Non temos dúbida de que o mexillón vai amosar resistencia, pero falta saber que coste vai ter para él adaptarse a esas condicións. Segundo os primeiros resultados dun ensaio cunha dieta baixa e outra alta, os cambios son mínimos cando dispón de alimento, pero cando lle baixas a dieta, ten que decidir onde invirte a enerxía, se para medrar a gónada, para agarrarse ao biso ou incluso para engrosar a cuncha con carbonato cálcico. Aquí terá que decidir que tipo de estrutura demanda máis a súa enerxía.

-Terá impacto sobre o sector?

-Todo o dito é unha diagnose de datos que interpretamos para recoller a orixe deses cambios; a forma en que a aborde o sector pode ser diferente. Non me atrevería a dicir que vai ser un grande problema para o sector porque ten marxe técnica e tecnolóxica para desenvolverse. Poucos cultivos hai máis naturais que unha batea: todo crecemento do mexillón é no medio natural, completamente aberto, e nel a transformación e impacto humano son mínimos. Hai marxe para abordalo tanto técnicamente como a nivel estratéxico, pero será unha decisión da Administración e do sector.

-Están protexidas as rías ao estar no interior?

-Cando fas un estudo en aguas abertas é moito máis doado concluir unha tendencia interanual porque os cambios do día a día, ou mensuais, son moi pequenos. Unha zona como as rías galegas onde se produce o afloramento con descargas fluviais que poden ser máis ou menos torrenciais dálle ao medio natural unha variabilidade propia máis ampla que a que pode haber quilómetros adentro. Isto fai que o ecosistema teña que adaptarse e asuma eses cambios como propios. Non é que o protexa e que se observen menos cambios de temperatura na ría, ao contrario, na ría son moito máis amplos que no océano. Se analizas unha serie histórica moi longa, hai unha tendencia similar ao océano. Para o mexillón unha tendencia ascendente de 0,3 grados centígrados por década cando nun día de verán ten un cambio de temperatura de 20 grados semella irrisoria.