Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As repercusións da desconexión de Reino Unido da UE

A USC descarta que o "Brexit" afecte á pesca en Malvinas: "Limítase a Gran Sol"

- Un estudo da Universidade para a Xunta sinala que o acceso está "salvagardado" - A profesora García Negro estima que o escenario actual "é favorable" para o sector

A flota que faena en Malvinas, amarrada en Vigo o pasado mes de xaneiro. // Ricardo Grobas

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) fixo un estudo encargado pola Xunta para avaliar as consecuencias do Brexit para o sector pesqueiro galego. Nel a responsable do mesmo, María do Carme García Negro, explica que o escenario máis favorable para a flota é o actual, é dicir, un statu quo, a partir do cal se poderían buscar melloras. Presentado o pasado vernes ao sector durante o Consello Galego da Pesca, o informe non contén mencións importantes para o caso de Malvinas, onde faenan 40 buques galegos. O motivo, segundo García Negro, é que a negociación "limítase a Gran Sol" e que os posibles efectos para a frota virán polos acordos comerciais posteriores. "O acceso está salvagardado", engadiron fontes da Consellería do Mar, dacordo coa postura da experta en Economía Pesqueira da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Segundo comentaron as mesmas fontes, os barcos "terían segura a pesca" debido á inexistencia dun acordo entre a Unión Europea e Mavinas, xa que alí a frota faena con "licencias privadas e empresas mixtas". A isto García Negro engade que as augas do arquipélago "non son comunitarias" e que "xurídicamente teñen un réxime autonómico propio". "Unha vez acabe o proceso do Brexit pode ser, pero iso non se pode tratar agora", apunta a profesora da USC.

O informe, que leva por título Impacto na pesca galega do Brexit, vai ser entregado na Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) e no Parlamento da Unión Europea, coa intención de que chegue ao equipo do negociador Michel Barnier. Os resultados do mesmo non serán públicos ata ese momento, pero a profesora García Negro -que tamén forma parte do Comité Asesor Científico Técnico (CACT) da Cooperativa de Armadores de Vigo- adiántalle a FARO que a situación de Malvinas "metodolóxicamente" non foi tratado no estudo. "A pesca pode verse afectada pero non a consecuencia do Brexit, iso dependerá dos acordos comerciais posteriores", sinala.

Dente a Consellería do Mar remarcan que a cuestión sobre as illas "está a quedar nun segundo plano" e que "non hai movementos". "O problema pode ser arancelario", engaden. A este respecto recordan que o Goberno das illas se mostrou sempre favorable a continuar coas relacións comerciais coa UE e, en concreto con España e Vigo. Isto é debido a que a pesca ten moito peso na economía das illas. Só o porto vigués recibe cada ano unhas 100.000 toneladas de peixe procedente de Malvinas.

Compartir el artículo

stats