España é candidata aos Premios Natura 2000 da Comisión Europea polo seu proxecto en materia de conservación mariña no Life+ Indemares, co que se acadou a protección do 8% da superficie mariña nacional. A iniciativa permitiu aumentar a superficie mariña protexida dende o 1% ao 8%, o que converteu a España nun dos países europeos cunha Rede Natura 2000 mariña máis completa e cientificamente máis sólida, segundo destaca o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.
A iniciativa concorre a estes galardóns na categoría Conservación, na que quedaron seleccionados unicamente sete proxectos de toda Europa. O período de votación estará aberto ata o 22 de abril. Ademais, opta tamén ao Premio Cidadán Europeo, categoría na que participan os 25 finalistas dos premios e que se outorga mediante votación popular.