Verónica Veres: "Contamos co apoio persoal dos armadores, pero non nolo mostraron de xeito público"

"Un dos cambios que nos gustaría ver nestes dous anos, a curto prazo, sería acadar o coeficiente redutor, que aínda non se conseguiu para as redeiras"

24.07.2016 | 04:55
Verónica Veres. // I. o.

Verónica Veres foi elixida presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao a comezos deste 2016, un ano no que as mulleres pulan por tomar protagonismo no sector pesqueiro. Esta redeira de Malpica, firme defensora do asociacionismo, aposta por conseguir a curto prazo dous dos obxectivos fundamentais deste segmento de traballadoras: o recoñecemento das enfermidades profesionais e dos coeficientes redutores da idade de xubilación. Veres tamén aposta polo ensino como piar artellador do relevo xeracional na súa profesión. Unhas metas para as que considera necesaria a implicación dos armadores, aos que reclama dar "un paso adiante".

--Que obxectivos se marcou como presidenta da federación?

-Os cambios que nos gustaría ver nestes dous anos, a curto prazo, serían acadar o coeficiente redutor, que aínda non se conseguiu para as redeiras, e o recoñecemento das enfermidades laborais, que seguen sen dárnolas de xeito automático. Tes que demostrar que foi traballando e é complicado, non está regulado. Iso é o que nos urxe. Tamén comezamos a traballar para conseguir oficializar a ensinanza, a medio ou longo prazo, que haxa uns ciclos da nosa profesión igual que hai nas outras. O obxectivo é garantir o relevo xeracional, para acadalo hai que ter forma de estudar. Se non, é a pescada que morde o rabo. Por iso estamos a esixir máis cursos, tamén de formadoras, porque agora mesmo quedan cinco e xa teñen unha idade, polo que en cinco ou seis anos quedariamos sen elas.

-Aumentou coa crise a xente interesada en entrar no sector?

-Xa non só na crise. Nos últimos anos estase a fomentar moito a profesión. Imos a institutos ensinala, por exemplo. Non cabe dúbida de que, para moita xente que está na casa, nunca traballou e precisa dun complemento económico, é unha opción. Sacando o cerco, co que tes que estar dispoñible as 24 horas do día, se traballas para artes menores ou palangre, tes o teu horario. É un traballo que podes facer na casa.

-A federación agrupa a 200 das 700 redeiras galegas. Teñen perspectivas de medrar?

-Para setembro temos preparadas unhas mesas de información. Iremos a Lorbé e outras zonas para informar das vantaxes de estar dentro da federación.

-Cales son esas vantaxes?

-Sabes onde te moves, fas forza. Agora, co exame de cualificación, moita xente non sabe para que serve ou mesmo que existe. Hai xente que descubre que non se pode dar de alta porque non fixo a proba. Outro exemplo: aínda que non che recoñezan as enfermidades laborais, se caes traballando é un accidente laboral. Se non estás en ningunha asociación ou federado non sabes que pasos tes que seguir para reclamar. Sobre todo, podes transmitir as túas reivindicacións.

-Parece haber un repunte da actividade asociativa e a visibilidade das mulleres do mar. A que se debe?

-A xente vaise decatando de que, se vas reclamar algo, unha persoa soa non consegue nada. Se vas mediante unha asociación ou unha federación, iso de por si leva un peso. O primeiro que che preguntan na Administración é: "Estás asociada ou federada?".

-Nos últimos meses, as institucións organizaron unha serie de eventos para destacar o papel das mulleres do mar. Cre que de verdade existe unha vontade das administracións por mudar a realidade do sector ou só son iniciativas de cara ao público?

-A ilusión do comezo sempre fai pensar que si, que é real. A onde imos, recíbennos moi ben. Moitas veces a xente di que non hai avances, que non hai melloras. Non todos os días cambias cousas grandes, pero pouco a pouco imos facendo logros. Non vas conseguir dun día para outro que che recoñezan as enfermidades ou os coeficientes redutores. Pero fas cousas, como ter unha epígrafe propia da profesión ou conseguir que sexamos consideradas como profesión, non como oficio, o que leva consigo un cambio de cotización. Sempre haberá quen pense que é de cara á galería, pero eu creo que imos conseguir cousas. Se non, non estaría aquí.

-Contan co apoio dos armadores á hora de realizar as súas reivindicacións?

-Temos o seu apoio a nivel persoal, quérennos ter contentas, pero realmente nunca se manifestaron de forma pública ao noso favor. É moi fácil dicirche que si a todo, pero tamén teñen que dar un paso adiante, porque realmente a eles non lles afectan en nada os dereitos que pedimos. Non teñen por que non apoiarnos. Se a redeira está mellor no seu traballo, terán máis redeiras dispoñibles. Porque agora mesmo, coas que hai, non damos abasto. Se nós estamos contentas, eles tamén deberían estalo, igual que se eles pescan, nós tamén. Dependemos uns dos outros.

-Nalgúns casos, como o tema dos horarios ou a xubilación, si podería afectarlles.

-Os armadores de antes querían sempre as mesmas redeiras. Agora descubriron que esas non van estar toda a vida e decátanse de que necesitan xente nova. A realidade é a que é. Que máis lles da que se xubile a xente antes se quedan traballadoras ben formadas?

-Cree que a súa é unha profesión atractiva agora mesmo para unha persoa nova?

-Se mo preguntas hai 20 anos, diríache que non me fago redeira nin tola. Eu comecei porque, por unha serie de circunstancias familiares, non podía saír da casa, e pareceume divino. Canto máis fas, máis queres facer. O que pasa é que é un traballo duro a nivel muscular, é fatigoso, pero vicia. Nese sentido compároo co punto de cruz.

-Funciona a diversificación laboral do sector mediante actividades como a artesanía?

-Hai asociacións que se están a quedar con eses traballos. Co proxecto Enredadas, que é unha forma de diversificar o traballo, agora mesmo temos dúas agrupacións que se dedican case en exclusiva a iso. Corme, que tamén fai reciclaxe e cursos de decoración, e Marín, que está a comezar. Estamos a estudar a maneira de regulalo. En Malpica non podemos facelo porque o traballo non nos deixa máis horas.

-Como foi a experiencia ata o momento na nova Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca?

-Aínda está moi verde, pero a nós xa nos beneficia, porque nos soluciona dúbidas sobre axudas ás que acollernos e instancias ás que dirixirnos. Tamén estamos a compartir experiencias con outra xente do resto de España e creo que delas sairán ideas. A unión fai a forza e vainos beneficiar.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine