Un mariñeiro saíu onte ileso tras arder o seu pesqueiro mentres faenaba no entorno do cabo Touriñán, en Muxía. O home, único tripulante a bordo, lanzouse á auga e nadou ata chegar a terra. Despois, foi asistido polos voluntarios de Protección Civil da localidade coruñesa, que constataron que se atopaba en perfecto estado de saúde. O barco, de nome Mosiña, ardeu por completo e afundiuse, segundo explicaron fontes de Salvamento Marítimo, que onte aínda descoñecían as causas do accidente.

Varias persoas informaron do suceso ao Centro de Atención a Emerxencias 112 Galicia arredor das 10.00 horas de onte, xa que o lume se vía desde distintos puntos do municipio muxían. Os servizos de emerxencias alertaron a Salvamento Marítimo, que enviou a embarcación Salvamar Altair ata a zona. Os efectivos de Sasemar apagaron o lume do pesqueiro e comprobaron que non había tripulantes a bordo.