Representan só unha pequena parte da superficie mariña do planeta, pero concentran o 20% da produción pesqueira mundial. Son as zonas de "afloramento", un fenómeno relacionado cos ventos de compoñente norte que cada primavera arrastra correntes de auga fría cargadas de nutrientes desde as profundidades cara a superficie mariña, o que provoca unha "explosión" de vida que xustifica as altas produtividades, caso das rías galegas. Tamén desencadea a aparición das mareas vermellas, que todos os anos provocan o peche xeralizado das bateas de mexillón de Galicia e ocasionan importantes perdas económicas ao sector.

Trátase dunhas zonas moi "sensibles" ao cambio climático, como explica o científico do Instituto de Investigaciones Marinas, dependente do Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Xosé Antón Álvarez Salgado, e é esta condición a que as converte nun suxeito de estudo "perfecto" para predicir os futuros efectos do quecemento global nos mares. "As áreas de afloramento actúan como sentinelas do cambio climático, xa que os efectos nótanse moito máis que nos océanos", resalta.

No caso de Galicia, o cambio climático provocou que eses ventos de compoñente norte que favorecen o afloramento diminuiran de intensidade e frecuencia dende os anos 60, o que ten varias consecuencias negativas para a produtividade dos bancos pesqueiros e marisqueiros. "O afloramento é cada vez menos intenso e iso provoca un aumento no tempo de residencia de auga nas rías, xa que se renovan máis lentamente. De feito, o tempo necesario para a renovación duplicouse de nove a vinte días nos últimos cinco decenios", explica Álvarez Salgado.

Isto significa que os esteiros son máis "vulnerables" ante calquera vertedura contaminante, así como ante as mareas vermellas, episodios provocados por proliferacións de fitoplancto tóxico transportadas nas correntes frías do afloramento que atopan un caldo de cultivo perfecto en condicións de "estratificación" e temperaturas elevadas.

Outro dos efectos principais do cambio climático é precisamente o quecemento das augas, que en Galicia aumentaron a súa temperatura 0,6 graos centígrados dende 1960, segundo os datos do CSIC. "Se estes organismos teñen unhas condicións óptimas para desenvolverse dentro das rías e aínda por enriba tardan máis en marchar, o resultado é que o número de días ao ano que están pechados os polígonos de mexillón medra", asevera este investigador.

Maior investigación

O sector pesqueiro e marisqueiro reclama de maneira constante máis investigación sobre as mareas vermellas para poder dotar dunha maior seguridade xurídica aos traballadores. Álvarez Salgado aclara que reverter ou incluso mitigar este fenómeno é moi complicado. "Pero si se pode facer unha boa predición con antelación de cando vai haber estas mareas vermellas e alertar aos produtores para que retiren o mexillón das bateas, ou mesmo procurar localizacións dentro das rías que sexan menos proclives a este tipo de peches", indica o investigador, que lamenta a falta de financiamento en España para este tipo de estudos.