Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Oitenta anos da traxedia cruenta do bou "Eva"

En 1937 o Porto acolleu un episodio anos silenciado: o suicidio colectivo de nove opositores ao franquismo para non rematar nas mans do réxime

As vítimas trala traxedia. // Evaristo Pereira

Durante a guerra civil o férreo celo por parte das forzas franquistas en controlar a saída de embarcacións da ría de Vigo facía cada vez máis difícil fuxir a todas aquelas persoas contrarias ao réxime de Franco, sendo estas perseguidas, detidas, torturadas e asasinadas polas forzas militares e paramilitares franquistas.

As forzas establecidas no control dunha posible fuxida nas embarcacións non tivo o éxito total. O pesqueiro vigués bou Emilia Márquez conseguira burlar esa férrea vixianza establecida polas tropas franquistas na ría, podendo este buque chegar a un porto sen o poder franquista, neste caso o de Bilbao.

En 1936 a Comandancia de Mariña de Vigo prohibiu faenar no interior da ría, vetando a entrada e saída nos peiraos vigueses en horario nocturno. Estableceuse un control no interior dos peiraos por parte de distintas forzas da Garda Civil, gardas de asalto e cívicos, axentes portuarios e falanxistas. Tanto a documentación de todas aquelas embarcacións que tiñan que saír a faenar, coma o seu persoal eran concienciudamente revisados.

As medidas de control facíanse máis intensas cos barcos de pesca e entre as dotacións dos buques introducíase xente "segura", armada. Estes adoitaban ser militares ou membros da Falanxe, incluso familiares dos armadores, que adoitaban ser de dereitas.

O control facíase máis duro na saída da ría, tendo as embarcaciones que facelo entre as Cíes, en concreto entre as illas San Martiño e a de Monteagudo. As canles exteriores das Cíes foran minadas, alertando de esta formación unha explosión nunha fuga nocturna.

Foron dotadas de canóns de costa Cabo Silleiro e Monteferro, así como de unidades da flota nacional as próximas bases navais de Marín e de Ríos, en Teis. Estas últimas lanchas garda eran a Xauen, Maquinista Macías ou Cabo Fradera -esta na ribeira do Miño en Tui- ou os remolcadores armados Ferrolano e o Cartagenero; tamén o bou armado enviado a combater o Cantábrico, o Audaz.

No atardecer do 12 de marzo de 1937, unha parella de bous que saían a faenar cara o Gran Sol pasaron por todos os filtros de control e de documentación existentes. Eran o bou Manuel Vieira Manzanares e -seguindo a súa estela- o Emilia Marquez, en dirección ás Cíes, burlando os controis exteriores de ría, xa a moitas millas da costa galega. Na escura noite o Emilia Márquez apagou as súas luces facéndose invisible ao barco que o precedía. Todos estes mariñeiros estaban conxurados a facer esta arriscada aventura.

Afastáronse o máis que puideron da costa galega por temor a ser localizados por buques nacionais, poñendo dirección leste para un porto de salvación, o de Bilbao. A epopea destes mariñeiros durou case catro días de navegación. A forte represión das militancias franquistas cubrían de medos a todos aqueles contrarios ó réxime que temían ser descubertos, torturados e asasinados. Moitos agocháronse en dobres paredes das casas, fallados e bodegas. Tamén fuxían ós montes, adoptando modos de supervivencia moi duros.

Dez persoas de distinta militancia de esquerda, nove homes e unha muller planearon unha evasión por mar. A fuxida sería dende os peiraos do Berbés. O barco que escolleron para a súa arriscada fuxida foi un bou, con folio de Ferrol nas súas amuras. Este pesqueiro, de nome Eva e pertencente á armadora Viúva de Nicasio Pérez, era unha embarcación que non chegaba ás 300 toneladas e tiña uns 37 metros de eslora. A dotación estaba composta por 19 homes, procedentes de distintas localidades galegas. O seu patrón, Juan Rodríguez Hermo, era da Pobra do Caramiñal. O barco tiña todo preparado para saír o 23 de abril de 1937.

O plan de fuxida era concentrarse nun punto sinalado co silencio e a escuridade da noite cubrindo as rúas da cidade. Sen provocar sospeitas as patrullas de gardas cívicos nin ós falanxistas que facían roldas preto dos peiraos do Berbés.

Embozados en escuros capotes e fundas de traballo, a paso natural entraron disimuladamente nos novos peiraos do Berbés, mesturándose entre mariñeiros doutras embarcacións. A tensión e o corazón nun puño para poder afastar as firmes miradas dos gardas portuarios.

Xa chegados ó buque, agardáballes un "gancho", un mariñeiro do bou que a cambio da súa colaboración confiaba tamén nos planes da fuxida. Este coñecedor do buque agochounos no pañol de proa, onde gardaban as cadeas da áncora. O espazo de reducidas dimensión tiña un depósito de auga, o cal facía a súa estancia moito máis reducida e incómoda. O pañol, dunha soa entrada, con pouca mobilidade e ventilación, facía o seu interior case irrespirable. Tampouco axudaba o feito de que tiveran que gardar silencio pola proximidade do sollado dos mariñeiros, que durmían ó outro lado da parede.

Cando accedeu ó sollado o grupo de fuxidos comprobou que este non estaba baleiro. Nun catre descansaba un mariñeiro, que quedou sobresaltado ó toparse o seu compañeiro con xente que non eran da tripulación, e máis cando viu que un portaba unha arma de fogo.

O portador tratou de convencelo que non ían facer nada, só que a levaba como protección, quedando este mariñeiro máis tranquilo.

Pero pola porta do sollado entrou un mariñeiro. Este quedou paralizado ó comprobar cómo varios descoñecidos, armados, estaban accedendo pola pequena trapela á sala de cadeas. O seu compañeiro, o mariñeiro cómplice da fuxida, tentou convencelo de que non dixera nada ó respecto. De que fixese como se non vira nada. Un dos descoñecidos fuxidos que coñecía a este mariñeiro, ameazouno se os descubría.

O mariñeiro saíu correndo pola cuberta do barco berrando "¡Neste barco ai roxos!", indo avisar ó seu compañeiro para que este fose dar feito ó patrón do que estaba a pasar. O patrón, que pernoitaba nunha pensión do Berbés, chamou á Comandancia de Mariña, moi próxima ós peiraos. Pasadas as once da noite o novo xefe da Garda Civil, Gumersindo Salinas, que substituíra ó anterior xefe había unhas semanas, o temido Francisco González Rabeoso, recibiu unha chamada telefónica no seu despacho comunicándolle a presenza dun grupo armado a bordo dun buque pesqueiro atracado no porto de Vigo.

Pronto achegouse ó peirao unha patrulla da Garda Civil e varias escuadras falanxistas, rodeando o barco e pedindo información o fogueiro, dicindo que na sala de cadeas se agochaban uns "roxos", e que entre eles ía tamén unha muller con roupas de home.

Sen perder un minuto as forzas franquistas rodearon a embarcación; intimidando ós fuxidos apuntando cos fusils "Mauser" o pañol donde se agochaban. Iso sí, gardando distancia pois sabían que estes ían armados. Deron a orde de que saísen cos brazos en alto e, despois de repetila varias veces, os militantes franquistas comenzaron a pensar na posibilidad de tirar unha bomba de man. Desistiron por temor a que se puidese danar ou afundir a embarcación.

Disque foi un falanxista, ou o capitán Salinas, quen deu coa solución para que o fuxidos agochados saísen da sala de cadeas da áncora: empregar auga, inundar o seu interior polo buraco de onde saía a cadea. Pronto se achegou un barco "alxibe" que prestaba servizos no porto, colocouse ao costado do Eva e introduciu auga, primeiro fría e logo quente. O enchido da bodega comenzou. Non tardaron en escoitarse varios sons de disparos no interior, no que semellaban ser detonacións de pistola. Sobre nove disparos. E de repente silencio. Só o ruído da bomba do alxibe facíase escoitar no peirao do Berbés. Pasado un breve tempo xa saía auga polos bordos do buraco das cadeas. Procederon entón a achegarse ó portón para facer as operacións de achique, proceso que se fixo con moita cautela, non fora que se atopasen cunha sorpresa. Unha vez rematada a labor de achique, levantouse o chan do sollado. Aínda a sala contiña auga, xa que a bombas de achique eran lentas. Alí atopáronse os corpos flotando e amoreados.

Pasadas as cinco da mañá, procedeuse ó levantamento dos corpos para depositalos no chan do peirao e confirmar a súa identidade. No informe da autopsia figuraba que a causa da morte non fora afogamento, senón un único tiro a queima ropa á altura da tempa, dándose o caso que tres deles tíñano no lado dereito, mentres que no resto dos casos o orificio de entrada estaba no lado esquerdo.

A realidade é que todos os membros da fuxida tomaron a decisión de morrer antes que ser capturados, torturados, e asasinados nun xesto de moito valor e dignidade.

*Ilustrador. Coautor de varios libros do Instituto de Estudos Vigueses

Compartir el artículo

stats