Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Erín Moure: "As autoras galegas afectan e estimulan cambios e descubertas na poesía en inglés"

"Unha vez que decidín pasar máis tempo en Galicia aprendín o seu idioma para participar nunha cultura grande e contemporánea"

Chus Pato e Erín Moure (de pé), durante o seu recital en Harvard.

A poeta e tradutora canadense recibirá a máxima distinción da Universidade de Vigo, coa que colabora dende hai case dúas décadas, en recoñecemento pola súa labor a prol da difusión da literatura galega. A futura honoris causa ten traducido ao inglés a autoras galegas como Rosalía de Castro, Chus Pato ou Lupe Gómez. O seu nomeamento foi defendido por Belén Lucas, directora do Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias, co que Moure traballa dende a súa residencia habitual en Montreal.

-¿De que maneira inicia a súa relación coa Universidade de Vigo?

-A miña primeira visita á Universidade foi no 1998 para asistir ao Congreso de Estudos Poscoloniais e dende entón continúo a ter contacto coas investigadoras e os investigadores en tradución, filoloxía inglesa, estudos poscoloniais e en investigacións feministas, sobre todo, e tamén en subxectividades transatlánticas, literatura e cidadanía, etcétera. O meu traballo ten bases na tradución e na filosofía e para min a poesía galega, os poetas galegos e os escritos en galego de filosofía son importantes.

-¿Que significa para vostede o nomeamento como honoris causa?

-É unha gran honra e recoñece o meu compromiso coa literatura galega e coa súa inserción no mundo literario en inglés, e tamén noutros, grazas á tradución cara este idioma. Por exemplo, Chus Pato ten lectores en Alemaña e en Holanda grazas ás traducións en inglés.

-Vostede é a vixésimo quinta persoa que recibe a máxima distinción que pode entregar unha universidade e que ata agora só outra muller acadou en Vigo, a bióloga Lynn Margulis. ¿É un exemplo de que aínda queda camiño por percorrer na igualdade incluso no ámbito académico?

-Claro que si. Non é que as académicas non fagan a súa parte no traballo investigador, na internacionalización do saber, nas contribucións únicas e críticas... é que as mulleres na institución carecen de recoñecemento para o que fan, só por ser mulleres.

-Vostede é poeta pero tamén tradutora, ¿pode ser esta unha actividade creativa tamén?

-En absoluto, a tradución é creativa. Hai que escoller entre palabras, maneiras de frasear, de dicir, entre tonalidades, ritmos. Só examinando dúas traducións dun mesmo texto feitas por dúas persoas ves que é unha actividade creativa.

-Grazas ó seu traballo, os versos de Rosalía de Castro poden ser lidos máis alá das nosas fronteiras. ¿Sinte que contribúe á esta expansión da literatura galega?

-Si, claro. Podo contribuír á literatura e non só á galega. O que fan as poetas, como Rosalía de Castro no seu día e Chus Pato nos nosos, afecta e estimula cambios e descubertas na poesía que se fai en inglés e tamén noutros idiomas. Dada a posición da cultura galega no Estado español, hai moitas posibilidades de coñecemento que ofrece a literatura galega aos estudos indíxenas noutros países onde hai pobos dentro de estados moi centralizados que protexen as súas estruturas habituais en lugar de cambiar para dar máis oportunidades á xente.

-O ano pasado participou nunha xira de recitais xunto a Chus Pato nos Estados Unidos, ¿como recibía o público as obras das dúas?

-Con moita emoción e interese. Nos EE UU, Chus Pato é unha autora esencial europea e a nosa relación e conversa, pois eu respondo á súa obra non soamente como tradutora senón tamén como poeta, cidadá, teorista da poesía e tradutora, produce ideas novas para a poesía americana tamén. Hai unha interrelación literaria que está facilitada pola tradución.

-Visitou Galicia, a terra do seu bisavó, por primeira vez no 94 e decidiu aprender galego para non sentirse estraña aquí, ¿que relación lle une a esta terra?

-Pois a mesma relación que teño coa cultura quebequesa. Unha vez que empezaba a pasar moito tempo en Quebec, hai 30 anos, aprendín o francés, o idioma normal e o único oficial, pois o inglés ten dereitos pero non é unha provincia bilingüe. Unha vez que decidín pasar máis tempo en Galicia, hai 18 anos, e traballar coas profesoras do Feminario e compartir investigacións en poesía e na súa tradución, aprendín o galego para participar nunha cultura grande e contemporánea. Tamén teño unha historia familiar galega. O meu bisavó Moure emigrou dende Crecente no1848. Pero máis importante que a conexión familiar, ¡que me interesa moito!, é o meu compromiso coa cultura. Os meus irmáns, por exemplo, teñen a mesma historia pero non falan galego porque xa lles queda moi lonxe no tempo e no espazo. Son eu a que ten o compromiso e a que fala galego. Hai 18 anos decidín aprendelo e para min é un idioma normal.

-¿En que obras traballa actualmente?

-En abril veremos nos EE UU a versión inglesa de "Carne de Leviatán" de Chus Pato, na miña tradución. Así estou axudando ó editor a preparar publicidade, etcétera. E estou tamén nas últimas revisións da tradución inglesa de "Follas Novas" de Rosalía, que vai saír en setembro.

Compartir el artículo

stats