Loitando contra a homofobia

O incremento das agresións homófobas acende as alarmas sobre a normalización da diversidade sexual

18.09.2015 | 20:58
Loitando contra a homofobia: falamos coa asociación Nós Mesmas de Vigo
Play
Elisabet Pérez, representante de Nós Mesmas // A. Vila

As últimas agresións homófobas acaecidas en Madrid acenderon tódalas alarmas ante o posible aumento dos ataques relacionados coa orientación sexual e a identidade de xénero. Dende que no 2005 se legalizara o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a sociedade española parecía evolucionar cara a aceptación da diversidade sexual.

De feito, os matrimonios homosexuais debuxan unha clara tendencia ascendente tanto no conxunto de España como en Galicia. Namentres que no 2005 producíronse 1.299 enlaces entre persoas do mesmo sexo no conxunto do Estado, no 2013 foron 3.071, o que supón un incremento do 136%. Polo contrario, as vodas heterosexuais reducíronse un 23%, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. En Galicia, pasouse de apenas 25 enlaces homosexuais no 2005 a medio centenar en 2013. As vodas heterosexuais, polo contrario, reducíronse das 10.938 no 2005 a non chegar ás 8.500 en 2013.

Falamos con Elisabet Pérez, representante da asociación viguesa Nós Mesmas. Antes de comezar a entrevista, soa o teléfono. No outro lado da liña, un rapaz vigués, estudante, ó cal os seus pais expulsaron da casa tras descubrir a súa orientación sexual. Sen recursos, sen poder falar cos seus irmáns, atópase desamparado e coa única axuda dos seus amigos.

É pertinente preguntarse se as agresións relacionadas coa orientación sexual e episodios coma os do mozo expulsado de casa constitúen casos illados ou, tras elas, escóndese unha regresión cultural. "Penso que non son illadas, igual que non o son os asasinatos machistas, porque as mulleres sufrimos o machismo a diario igual que sucede coa homofobia", responde Elisabet.

Segundo os últimos datos dispoñibles, correspondentes ó ano 2014, a maioría dos delitos de odio rexistrados en España están relacionados coa orientación e identidade sexual, sumando case un 40%. Galicia é a segunda comunidade onde máis incidentes se producen, empatada con Cataluña e soamente por detrás de Andalucía. "Isto ten que chamar a nosa atención, aínda que penso que se está a denunciar máis e a crear máis conciencia grazas os dereitos aprobados nestes anos", reflexiona Elisabet. Como aspecto positivo, se é posible atopalo, en Pontevedra soamente se rexistraron dúas agresións, fronte ás 41 da provincia de A Coruña.

Porén, a asociación Nós Mesmas puido comprobar durante os sete anos que leva activa en Vigo como cambiou a sociedade durante estes anos, a pesar dos episodios negativos. "Notamos unha melloría moi grande e unha mellor acollida en Vigo", asegura Elisabet mentres engade que "non sentimos tantas agresións".

Avanza a mocidade cara a igualdade? A última vez que o CIS elaborou unha enquisa sobre as actitudes da mocidade ante a diversidade sexual foi no 2010. Por aquel entón, o 77% dos mozos españois aseguraba ter escoitado insultos a compañeiros homosexuais e o 23% afirmaba ter presenciado ameazas. "As agresións físicas poden ser illadas, pero as agresións cométense día a día, nas escolas ou no traballo", denuncia Elisabet. Porén, as cousas parecen mudar. Case un 77% dos mozos e mozas acepta o matrimonio homosexual, mentres que máis do 50% considera que estes constitúen unha familia, segundo os datos do CIS.

Aínda que quedan retos por diante. Mentres que as actitudes cambiaron nos ambientes privados, existen reticencias no espazo público. A maioría considera que, en xeral, unha persoa homosexual non pode falar con naturalidade da súa orientación nin no traballo nin na escola. "Aínda segue habendo moitas agresións e discriminacións no entorno laboral, nas escolas e nas familias, como miradas ou comentarios", explican dende Nós Mesmas.

Pódese ser positivo cara o futuro? "Os adolescentes viven máis próxima a homosexualidade dos seus compañeiros polo que estamos moito mellor", reflexiona Elisabet. "Somos optimistas, a xente que chegou fai anos con problemas agora é quen de vivir a súa vida de forma plena", sentencia.


Fonte: CIS, INE, Ministerio do Interior

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine