Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Serafín Otero Fernández: "O BNG é quen mellor representa as necesidades cidadás; é difícil estar máis á esquerda"

"Urxe lanzar un novo plan de emprego para os mozos e loitar contra a exclusión social", prioriza

Serafín Otero, o venres xunto ao Castro. // A. Irago

A Serafín Otero gústalle o contacto directo coa xente, cociñar para a familia e sufrir cun Celta do que é socio dende os seis anos. É consciente do difícil escenario político ao que chega despois de tres décadas no movemento sindical e reivindica o proxecto "renovado" do BNG e o seu carácter único respecto a outras forzas novas. "É prioritario loitar contra a exclusión social e impulsar o emprego para os mozos. Pero diferéncianos Galicia. Para nós tamén a cultura e a lingua son importantes", explica o candidato do Bloque, distendido durante a conversa na sede comarcal.

-Como se prepara para saltar do sindicato á estrutura municipal?

-Afronto o reto persoal e profesional con ilusión. Non parto de cero. Na central sindical coñecín o funcionamento das administracións e sobre xestión de contas. E agora estou volcado en falar con tódolos colectivos e sectores para armar un proxecto de cidade.

-Coñéceno no ámbito sindical, pero non tanto a outros niveis. Como remontará en tres meses?

-Non paro. Estamos chamando a tódalas portas de forma discreta. Temos contactos con asociacións de veciños e grupos de barrio. Reunións nas parroquias, que foron as máis abandonadas pola política municipal. Hai previstos encontros con sindicatos e non esquecemos outra parte fundamental que son os empresarios e autónomos. Non recibo tanta atención mediática coma outros -sorrí-, pero estou recorrendo Vigo e xa pasei tres veces polas escaleiras mecánicas.

-Que lle parece o proxecto?

-Toda mellora é positiva. Canto máis moderna mellor. Outra cuestión é o contexto e para nós agora urxen outras necesidades.

-É compatible un discurso tan combativo coma o seu en materia laboral co dos empresarios?

-Absolutamente. Non deixarei de lado a defensa dos traballadores, pero xestionar un concello é distinto. Hai que loitar por mellorar o benestar global e impulsar o emprego e iso require da colaboración de todos. Estiven fronte aos empresarios moitas veces e dei chegado a acordos. Son unha persoa á que lle gusta escoitar. O BNG aspira a gobernar e conta con todos. Por iso impulsamos asambleas abertas.

-Trala primeira convocada para elexir candidato xa se filtrou o seu nome. Houbo transparencia?

-100%. Antes de someter un nome a consideración é preciso falar coa xente. Eu tivera contactos, pero non era candidato. E o mesmo sucede coa elaboración da lista. Teño uns nomes que presentarei na asamblea e a decisión será dela.

-Síntese lexitimado?

-Co respaldo de toda a militancia. Na central quedábame só ata 2017. A xente animoume e tras darlle moitas voltas vin que era o momento. Teño 58 anos e son partidario de deixar paso á nova xeración. Despois de min terá que vir, a ser posible, unha muller e máis nova.

-Cales serán as súas prioridades?

-Loitar contra a pobreza e lanzar de inmediato un plan de emprego para mozos. Non podemos deixar que marchen e serán necesarios acordos coa Universidade para promover postos de traballo estable. O actual plan de emprego é insuficiente.

-Pode o Concello intervir máis pese a non ter as competencias?

-Pódese facer moito máis. Debe dar confianza aos autónomos e facilidades para abrir negocios. Tender pontes e chamar á porta de tódalas administracións para mobilizar axudas. E facelo con respeto.

-Ve posible chegar a acordos coa Xunta e co Goberno do PP?

-É imprescindible dialogar con Xunta, Estado e Diputación para desbloquear infraestructuras pendentes. Pero este alcalde é xordo e cego. E se pensa que o único problema de Vigo é o mal estado dalgunhas rúas está moi equivocado.

-Como pagaría ese novo plan de emprego sen endebedarse?

-Vigo ten un orzamento alto de 228 millóns e hai que buscar fórmulas fiscais para que aporten máis os que máis ingresan e dar facilidades a quen o precisa. Só en publicidade pódese recortar un millón.

-Humanizacións. Sí ou non?

-É necesario modernizar a cidade, pero humanizar non é cambiar losetas e poñer árbores. O noso é un modelo de cidade diferente con humanizacións como as impulsadas polo Bloque en Independencia e no Casco Vello, apostando tamén por recuperar Samil e desenvolver infraestructuras viarias previstas no PXOM, que está morto.

-Como explica a perda de respaldo do BNG dende 2011 ata quedar como 5ª forza nas europeas?

-Temos o defecto de ser moi esixentes con nós mesmos. E creo que non explicamos suficientemente os nosos logros á veciñanza. Eso, xunto a un novo escenario político froito dun gran cambio social custounos parte do electorado.

-Que non siga ningún edil pode interpretarse como un castigo?

-De ningún xeito. O Bloque fixo unha boa xestión de goberno e aportou proxectos estratéxicos na oposición. Convén recordar que o plan de emprego e reforzar as axudas sociais foron iniciativas nosas.

-Foi un erro pactar co PSOE?

-Houbo acordo mentres se incorporaron á política municipal cuestións básicas en materia laboral e social. En 2014 non foi posible.

-En 2011 perdéronse apoios cara o centro. Pero agora o risco parece residir na fragmentación da esquerda. Coincide no diagnóstico?

-É difícil estar máis á esquerda có BNG. É evidente que perdemos respaldo social, pero temos un proxecto renovado e valente. Na principal cidade galega o candidato procede dun sindicato, a número dous é activista feminista, e González Moreira ven de SOS Sanidade Pública. A candidatura do BNG é hoxe a máis representantiva dos movementos sociais e as necesidades da cidadanía. Leccións as xustas.

-Cre que Podemos e a Marea están ocupando na rúa o lugar que antes se identificaba co Bloque?

-Non. Son unha resposta normal a unha situación dura causada polos recortes e as políticas de austeridade do PP. É preciso un cambio e no futuro este novo panorama vai aportar xente a forzas de esquerda con propostas claras e experiencia coma o BNG. Organizacións que hoxe teñen toda a atención non xogarán o mesmo papel en pouco tempo. Nós xa fomos de Podemos, contestatarios, pero hai 20 anos.

-Que diferencia ao BNG do resto de grupos recén xurdidos?

-Galicia. Un proxecto nacional. Defendemos o dereito a decidir. No debate sobre o estado da nación só o BNG a defendeu. Nin PSOE nin PP nin Ciutadans nin IU. E para nós é fundamental protexer a nosa lingua e a nosa cultura.

-Pero nas municipais as cuestións identitarias son secundarias.

-A estos grupos non lle preocupan. Pero para nós seguen sendo prioritarias.

-Con cantas forzas ve a nova Corporación?

-Non son adiviño -sorrí-, pero creo que haberá máis que agora.

-A quen ve como socio?

-Ao propio BNG. Para iso traballamos. Despois do 24-M veremos o escenario e non quedará outra que falar con todos. Pero teño claro que agora non se dan as condicións para chegar a un acordo cos socialistas.

-As enquisas apuntan a unha subida do PSOE. Como o interpreta tras non pactar?

-Nada é fiable porque non sabemos nin cantas forzas se presentan. Con tres igual o ten fácil, pero con máis non está claro. Nós temos boas expectativas. Estamos recuperando a desencantados.

-Repetir tres edís sería un éxito?

-Non sería malo. Pero eu espero subir.

-Que lle parece Elena Muñoz?

-Sen coñecela a fondo, representa as políticas de recortes do PP.

Compartir el artículo

stats