Centenares de escolares marcharon hoxe polas rúas de Vigo para reivindicar o uso do galego no marco da denominada "Correlingua", iniciativa que percorrerá quince localidades de Galicia e que pretende involucrar uns 45.000 participantes, segundo os cálculos da organización.

Reunidos na Praza do Rei, fronte ao edificio consistorial, e tras unhas breves palabras da concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, e do alcalde, Abel Caballero, os nenos emprenderon o camiño cara ao parque de Castrelos, onde gozaron dunha serie de actividades lúdicas.

Citados baixo o lema "En galego sempre somos", os escolares rivalizaron en orixinalidade tanto dos cánticos coma das pancartas elaboradas por eles mesmos e completaron o percorrido, duns tres quilómetros aproximadamente, baixo un intenso sol.

O obxectivo do "Correlingua" é, segundo explicou un dos seus organizadores, Bieito Lobariñas, protestar polo "déficit" do uso do galego nas institucións públicas e reivindicar "dunha forma razoable e potente" que se "normalice" a lingua "nun país que se chama Galicia".

A campaña de defensa do galego comezou o pasado 2 de maio en Santiago de Compostela e concluirá mañá en Ourense