O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o borrador do anteproxecto de lei da área metropolitana de Vigo se presentará no próximo mes de novembro aos alcaldes dos 14 municipios que a integrarán.

Nunha conferencia organizada polo Fórum Nueva Economía, o dirixente político mostrou a súa confianza na responsabilidade dos diferentes gobernos locais, e fixo unha chamada á "lealdade" dos catorce alcaldes para levar adiante un proxecto polo que, segundo as súas palabras, apostan tanto o Executivo galego como a cidadanía.

"Vigo e a súa comarca sempre fixeron medrar Galicia. É hora de que Galicia faga medrar tamén Vigo", indicou Alfonso Rueda, quen confirmou que, despois de se superar o período de alegacións, o documento podería estar listo para ser levado ao Consello da Xunta na vindeira primavera e posteriormente ao pleno do Parlamento.

O conselleiro de Presidencia explicou que este ente supramunicipal, que representará case medio millón de galegos, terá inicialmente competencias en oito ámbitos estratéxicos, "será un referente galego de xestión compartida" e, na súa opinión, plasma perfectamente o espírito de cooperación que preside o Pacto Local en Galicia, que pasa por "descentralizar competencias e sumar recursos e apoios a favor dos municipios".

Os ámbitos sobre os que actuará inicialmente a futura área metropolitana serán o transporte colectivo, abastecemento e saneamento de augas; tratamento e xestión de residuos; ordenación urbanística; promoción económica e emprego; fomento e promoción do turismo; xestión ambiental e servizos sociais.

Alfonso Rueda subliñou que no deseño do ente supramunicipal, que estaría liderado por Vigo, a Deputación continuará a desempeñar un papel importante e mostrou o seu desexo de que exista unha boa coordinación para lograr resultados máis positivos para os cidadáns.

O voceiro do Goberno galego asegurou que a posta en marcha da área metropolitana non suporá incrementar os custos, algo importante en momentos como o actual, e aproveitou para facer unha chamada a todos os municipios para que colaboren ao máximo no proceso, deixando de man intereses políticos.

Alfonso Rueda aproveitou a súa participación no Fórum Nueva Economía para falar doutros grandes proxectos de cooperación activados pola Xunta nesta lexislatura, como son a macrorrexión europea que permitirá unir esforzos en asuntos de gran transcendencia para Galicia, como é a captación de fondos e recursos europeos no novo período de programación comunitaria.

Sobre esa cuestión, avanzou que antes de que finalice o ano o presidente galego presentará en Bruxelas as liñas de actuación da macrorrexión, dando a coñecer o proxecto e a súa dimensión "no mesmo corazón de Europa".