TAMARA NOVOA
Nas grandes cidades como Vigo, as actividades tradicionais escasean. Non obstante, as zonas dos arredores funcionan como cotos de supervivencia das vellas usanzas. Beade, Bembrive, Valladares, Candeán, Matamá e Cabral son exemplos de parroquias, nas que buscando, aínda podemos atopar xente lavando a roupa nos lavadoiros, muiñeiros, pescantinas vendendo de casa en casa, e ovellas ou, incluso algunha vaca, pacendo nos prados. Pero, cada vez os exemplos son máis escasos. "A xente máis nova non quere continuar a tradición", comenta Juan Ferreira coñecido pola súa labor como ferrador. "Agora pronto collen traballo fóra, e non teñen necesidade de criar animais, porque o teñen listo no supermercado", engade.
As vacas da cidade cóntanse cos dedos. En Beade sobrevive polo menos unha, a de José Comesaña e Carmen Román. "Nós somos campesiños", así é como se define José. Teñen unha granxa de porcos e ademais unha vaca: Pinta. Sempre tiveron dúas, e antes vendían o leite, "pero agora, xa non hai quen o compre", comenta Carmen. Dende fai anos só teñen unha vaca, e a leite emprégana para alimentar ó becerro que tódolos anos crían. O que sobra, uns seis litros diarios, é para alimentar a familia. "O leite recén ordeñado non ten nada que ver co comprado", sinala este matrimonio. Ordeñan a vaca dúas veces ó día; o erguerse ás oito da mañá, e ás oito da tarde. Antes repartían o leite pola parroquia e por zonas coolindantes, e algúns veciños achegábanse ata a súa casa a comprala. "A miña nai mandaba leite ás leiteiras que baixaban tódolos días ó centro da cidade", recorda Carmen "pero diso xa fai moitos anos", engade.
Se comprar leite da casa é complicado, atopar un ferrador profesional é unha misión imposible. Juan Ferreira, foi o último en adicarse a esta profesión. "Agora só quedan afeccionados", comenta. El rexentou o último taller da cidade, localizado en Beade. Xente de tódalas parroquias encargáballe ferraduras para bois, vacas, cabalos e burros fariñeiros. "Agora é moi raro atopar alguén que teña un boi na casa. Antes eran os animais cos que máis tiña que traballar", comenta. Aínda que ferrador de profesión, Juan é veterinario de corazón. Formouse no coidado de animais lendo libros e observando a veterinarios profesionais. Co tempo, combinou a labor de ferrador coa de veterinario a domicilio; un emprego que hoxe en Vigo tamén escasea. Fai uns anos que Juan deixou ambas profesións. "Vou maior", confesa. Ós seus 91 anos, conversa con soltura e goza dunha memoria envidiable.
Os muíños de auga recorren as beiras dos ríos vigueses. Sen embargo, son poucos os que aínda funcionan. Pedro Bastos vai de forma regular, a moer millo ao Muíño do Foxo, coñecido como Muíño dos Herdeiros. Tódolos propietarios teñen unha chave e un número máximo de horas á semana, a propiedade pasa de pais a fillos. O uso distribúese por quendas "aínda que agora podes ir cando queres", sinala Pedro. "Pois ó ir tan pouca xente, sempre que vas podes moer", engade. Pedro moe millo para dar de comer ós animais e tamén para facer pan. "O muíño de auga moe moito máis miúdo que o eléctrico", comenta. Fai un ano, el máis outro"herdeiro" arranxaron o muíño que dende facía uns anos avariárase. "É unha pena, porque moitos muíños caen a cachos", sinala.
Son só tres exemplos de tarefas que aínda perduran nos arredores da cidade. Dous mundos moi diferentes que conviven a só dous quilómetros de distancia. Paradóxicamente, ao ritmo que diminúe o número de xente que traballa os campos ou coida os animais, aumentan as persoas que demandan produtos naturais.