"Un pobo é máis culto e máis respectado canto máis amor mostra polo que é seu". Así, rematou a súa intervención na homenaxe ó xuíz Orencio Pérez o concelleiro de Cultura, Xesús López, recollendo unha frase que no seu día dixera o propio maxistrado. Un acto emotivo para conmemorar o décimo cabodano dun alto funcionario da Administración de Xustiza que deixou moitos amigos atrás e que concluiu coa descuberta dun busto de bronce na praza frente ós edificios dos Xulgados de Vigo e coa edición do libro "Orencio Pérez González. A vocación galeguista dun xuz".

"Home xusto e comprometido con Galicia" reza a escultura que a súa viúva, Chelo González, visiblemente emocionada e tras dicir unhas entrecortadas palabras no auditorio, descubriu á mirada das máis de cen personas que asistiron ó evento, que se celebrou no Colexio de Avogados de Vigo e que se convertiu en todo un acto de reivindicación do uso do galego na Administración de Xustiza.

Así, o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela recalcou que nos centos de xuizos que celebraron en galego demostraron que un xulgado pode traballar "plenamente" nesa lingua "sen crear convulsión ou indefensión". Por elo, lamentou que a súa utilización sexa "moi baixa ata o punto de que a cooficialidade co castelán "é máis teórica que real".

Ademáis, o xefe superior da Policía de Galicia, Luis Manuel García Mañá suliñou, tras recalcar a calidade persoal e profesional do maxistrado, asegurou que coa súa marcha foise tamén "un grito da xustiza do noso país, o de pedir xustiza para a nosa lingua".

Tamén interviu no acto o presidente da Sección 2ª da Audiencia Provincial de Pontevedra, Xosé Xoán Barreiro Prado, quen avogou pola necesidade de "ter en conta a realidade social do momento en que vivimos" . Preguntouse, así, as razóns polas que a maior parte dos funcionarios cambia o galego dos pasillos polo castelán "cando entra nas salas de vistas", algo que "lle pasaba a Orencio".

O presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xoaquín Monteagudo, lembrou o día no que coñeceu ó xuíz, nunha xuntanza en Santiago para crear unha asociación en defensa da lingua que significou a fundación da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística. "Estamos obrigados a cultivar a memoria de persoas como Orencio por unha Galicia máis xusta e máis libre", concluiu.

O decano do Colexio Oficial de Avogados de Vigo, Alfonso Álvarez Gándara, avisou do perigo de desaparición do galego e criticou a colectivos "hipócritamente bilingüistas" que solicitan a redacción de textos en castelán. "Resulta curioso que o Valedor do Pobo acolla as queixas desta plataforma e recomende ás asociacións profesionais que estuden semellante petición", aseverou con contundencia trala intervención de Rosalino González, secretario xudicial que se uniu ás gabanzas, como Carme Pérez Vaquero, da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística.