Máis de trinta anos "nun obsertario magnífico para ver a evolución de hábitos, modas, músicas e tendencias" da mocidade, pero tamén para comprobar que hai cousas que non cambian coas xeracións. "A rebeldía, o descubrimento do amor, os desánimos profundos e a forxa do carácter son eternos", asegura Méndez Ferrín.

O autor bota man da súa experiencia para rexeitar moitos tópicos: "Os mozos len infinitamente máis agora e non están mobilizándose porque a sociedade non o fai, aínda que hai momentos nos que si actúan como na recente folga do metal. Nunca vin alumnos con coñecementos de política e de ideas tan profundos como agora. Aínda que sexan individualidades".

Di non saber nada do acoso escolar e as dificultades denunciadas hoxe dende o profesorado. "Desas cousas entérome polo periódico. Non existe unha maior complicación agora. O respeto hai que gañalo e ten que ser mutuo. Fálase moito de valores, pero non hai que predicalos, senón transmitilos, tanto pais como profesores", advirte.

Ferrín lamenta "a concepción utilitarista do ensino" que se impón na actualidade e califica de "disparate" a redución de horas de Filosofía e de Literatura galega. "Ten que haber coñecementos necesariamente innecesarios. De que vale ter xente especializada se é inculta, parva? É unha renuncia das tradicións europeas e a imposición do modelo norteamericano", denuncia o autor.

Nesta reivindicación engade a súa "satisfacción" por que "alumnos magníficos" se convertiron en "científicos de categoría", aínda que hoxe están "espallados polo mundo" debido a "unha emigración de cerebros pavorosa".

Ferrín sempre impartiu as clases de literatura e lingua española en galego. "Utiliceino contra a lei ata en tempos de Franco e nunca recibín unha protesta. Nin os alumnos nin os pais se sinten discriminados. En absoluto", sostén con sorna e atribúe as actuais polémicas e manifestos sobre o bilingüismo en España "á precampaña electoral" do partido de Rosa Díez.