Primeiro planificamos, e xa estamos na fase de concretar". Domínguez defende unha fórmula de traballo continuo, "sen actuar a impulsos nin buscar a foto". Semella unha crítica indirecta a Abel Caballero. O pacto funciona e a cidade avanza, segundo expón o tenente de alcalde, pero as "intrusións" do rexidor "son entorpecedoras".

- As expectativas do primeiro ano están cumpridas?

- Tivemos que reorganizar os servizos e iso está concluido. Concretamos medidas e non actuamos a impulsos, por cuestións mediáticas, senón en base ao que lle ofrecimos á cidadanía. Xa se visualizan avances en todas as nosas áreas. Cando os orzamentos do 2008 estean executados, teremos cumprido o 30% do noso programa electoral.

- Está a cidade mellor que hai un ano?

- Estase a visualizar un novo xeito de gobernar. A cidadanía transmítenos que hai un talante no BNG de asumir as súas necesidades reais. Concellerías como Cultura deron un salto cualitativo, en Deporte demostramos unha nova liña, e en Benestar Social hai unha política de elevar a calidade de vida. Patrimonio Histórico ten posto en marcha medidas reais. Hai unha planificación global do turismo e do comercio, e avanzamos en Igualdade e na normalización lingüística. En Xuventude fortalecemos o tecido da nosa mocidade, e houbo proxectos moi ilusionantes desde a Tenencia de Alcaldía: Universiada, Bicentenario e Carta Viguesa de Calidade de Vida son exemplos.

- Considera que os seus socios cumpren as expectativas?

- Non valoro as súas áreas. No conxunto o goberno si funciona, e son os cidadáns, non nós, os que deben avalialo.

- Os roces que denunciou aos cen días non se dan resolto.

- Á cidadanía impórtanlle pouco, pero remito ao decreto de delegación de competencias, que asinou o alcalde. Alí está moi claro a que nos temos que adicar cadaquén, e podense extraer conclusións de quen fai intromisións.

- Caballero mantén que como alcalde debe liderar os proxectos de cidade.

- Ninguén dubida que el é o alcalde. Alcalde hai un, nós votámolo e nunca discutiremos ese papel, pero pido que sexa fiel ao que asina. E cando asina que turismo, comercio, e grandes proxectos como Balaídos, Universiada ou Bicentenario parten da Tenencia de Alcaldía, pido que nos deixe traballar. Eu non quero ser o alcalde, pero cando emite xuízos ou fai anuncios sen coñecer o noso traballo, entorpéceo.

- Dá a impresión de que non falan moito.

- Temos falado, varias veces, sobre cuestións importantes, pero é na xunta de goberno onde se dirimen as actuacións do goberno. Teño que decir con todo que cando me reunín con el sempre foi por iniciativa miña. Sempre.

- Molestoulle o posicionamento do alcalde respecto do convenio co Celta?

- Moléstame porque entorpece un labor. É a concellería de Deportes a que ten as competencias en Balaídos. Cando se lanza a mensaxe de que hai que ampliar o convenio significa moito máis. Significa a explotación comercial e publicitaria, e incluso se fala de posibles centros comerciais. Cando eu traballo nun plan de viabilidade para a reforma de Balaídos que contempla as aportacións de recursos atípicos e privados, negociar un convenio sen que o Celta poña na mesa contrapartidas é irresponsable. A cidade non ten culpa da mala xestión económica do Celta. Nós imos axudar ao clube, pero ten que aportar. Se o alcalde tivera falado conmigo e chegáramos a un camiño claro, lle deixaría abandeirar o proxecto.