P. M. / a coruña

Ademais de na dubidosa eficacia que tiveron os métodos de biorremediación para limpar o fuel que verteu o Prestige en novembro de 2002, todos os expertos consultados coinciden en que só é cuestión de tempo que algún dos centos de petroleiros e cargueiros que cada ano pasan diante das costas galegas volvan provocar outra castástrofe ecolóxica. Por iso resulta vital a lección aprendida durante a marea negra que hai cinco anos tinguiu de negro o litoral.

- A recollida no mar. A fase máis importante da limpeza é a que se desenvolve nos primeiros días: é fundamental recoller a máxima cantidade de petróleo no mar antes de que chegue á costa, onde xenera moitos máis residuos i é moito mais difícil de combatir: unha tonelada de fuel vertido no mar convértese en 10 toneladas de residuos ao recollelo na terra, só o 10% de todo o que se recolle nas praias é hidrocarburo, o resto é area, pedras, algas... No caso do Prestige, a marea branca dos voluntarios permitíu que esta primeira fase da limpeza, na que é preciso contar con moitos operarios, fose bastante exitosa.

-As bacterias. Os métodos de biorreforzo (engadir bacterias) e bioestimulación (engadir nutrintes e fertilizantes), no caso de que sexan eficaces para o hidrocarburo vertido e o tipo de costa afectada, resultan bastante baratos, entre dous e seis euros o litro -hai que botar entre 60 e 100 mililitros por metro cadrado-. O aceite que se probou nas Illas Atlánticas e que logo se aplicou a outras zonas era dunha marca comercial que se usa para limpar as vías do tren. Noutras zonas botouse biodiesel de xirasol. Hai quen denuncia o "oportunismo" dalgunhas empresas petroleiras que aproveitan para subir o prezo das bacterias que elas mesmas comercializan.

-O equilibrio natural. Un dos puntos no que máis inciden os científicos que coordinaron os labores de limpeza da marea negra do Prestige é na necesidade de reflexionar sobre onde actuar. Hai zonas do litoral de difícil acceso, que non teñen valor económico, medioambiental nin turístico nas que a acción humana para limpar alteraría máis o medio ca toxicidade do fuel, que pode ser controlada pola forza do mar e o paso do tempo. Ademais a limpeza dunha marea negra é un proceso moi lento: hoxe en día, aínda hai praias como a do Rostro, en Fisterra, na que cando hai temporal aínda aparecen restos de fuel baixo terra, mesmo a dous metros da superficie. Estas hidrodinámicas foron o obxecto dun estudo da universidade de Cantabria e a de Vigo. E tamén hai que ter en conta que as mareas negras só supoñen o 5% da contaminación por hidrocarburos no mar. O 50% vén dos residuos xenerados nas cidades.

- O ADN do fuel. Á hora de deseñar un operativo de recollida e limpeza dunha marea negra, é fundamental coñecer con exactitude as características físico-químicas do hidrocarburo vertido para saber a qué hai que enfrentarse. O que levaba o Prestige, por exemplo, tiña compoñentes asfálticos que o facían moito máis denso e viscoso.