Só os colectivos integrantes da plataforma "Queremos galego" rondan os cincocentos, pero son centos os cidadáns que arestora respaldan coa súa presenza a reinvidicación da entidade para o Día das Letras: "En galego día a día", segundo di a pancarta principal, coa que se pretende reivindicar o "crecente" quefacer diario das "persoas que fan que a lingua viva mais ás que se lles exixe un esforzo que non terían que facer se quixeren utilizar unha lingua plenamente normal", como defenden os promotores da marcha.

Na mobilización, xa tradicional nestas datas, participan, como xa avanzaran onte, os líderes políticos da oposición parlamentar galega, dende o voceiro de En Marea, Luís Villares, á voceira nacional do BNG, Ana Pontón, ambos os dous xa presentes en anteriores ocasións, ademais do secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero.

Tal e como avanzara Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, a manifestación está dando mostra do seu carácter "festivo" e "reinvidicativo". Con eses ánimos saíu en torno ás 12.20 horas da Alameda compostelá.

Á cabeza, uns cativos, que simbolizan o futuro da lingua, proclaman "En galego". Noutras pancartas reivindícase que o galego "ten futuro".